XUNTA DE GOBERNO

Incorpóranse 39 novas prazas de estacionamento en superficie para residentes na zona 7 (San Lourenzo)

20/07/2020 A Xunta de Goberno aprobou a ampliación de prazas de estacionamento en superficie para residentes en varios puntos correspondentes á zona 7 (San Lourenzo). Ademais, incorpóranse ao réxime da ORA outra serie de prazas.

As 39 novas prazas de residentes da zona 7 (San Lourenzo) distribúense do seguinte xeito: 12 prazas na rúa de Salvador Allende (no seu tramo final, fronte ao colexio Raiña Fabiola), 18 na rúa de Entregaleras e 9 na rúa de Galeras (entre o cruce do Pombal e a rúa do Presidente Salvador Allende.

Entre as 34 prazas que se incorporan ao sistema de regulación de aparcamento ORA figuran: 6 prazas na rúa de Patrio de Madres, en réxime de curta duración; 9 prazas na rúa de Concepción Arenal, en réxime xeral; e 19 prazas da ORA, en réxime xeral, na rúa de Pitelos, que xa están funcionado dende o 23 de xuño.

Bonos de estacionamento
Tamén en materia de estacionamento, pero neste eido en relación ao tecido comercial, aprobáronse os catro convenios convenios de colaboración entre o Concello e as entidades comerciais para levar a cabo o programa de reactivación das compras mediante a entrega de bonos de aparcadoiro no marco do Plan de Reactivación Económica.

Os convenios, con vixencia ata o 31 de decembro, contemplan as seguintes achegas: 29.166 euros para a Fundación Santiago Centro –Area Comercial; 29.166 euros para a Asociación de Empresarios e Profesionais Centro Comercial Aberto Compostela Monumental; 5.000 euros para a Asociación Em-Rede e 33.666 euros para a Asociación Punto Compostela.

Son gastos subvencionables os derivados da compra dos bonos de aparcadoiro procedentes dos distintos estacionamentos da cidade, realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2020, data esta última de límite de xustificación.

Recuperación da hostalería e seguridade fronte á Covid-19
Preguntado pola repercusión dos brotes da Covid-19 nas reservas hostaleiras, o alcalde indicou que a "recuperación seguramente está sendo a un ritmo máis lento do que nos gustaría a todos", cun "ritmo moderado de reservas, en torno ao 30%", pero "o importante é que a recuperación sexa sostida, e non ter que dar ningún paso atrás". Neste sentido, chamou novamente a "extremar as medidas de seguridade e prudencia", incidindo no efecto que brotes como o da Mariña poden ter nas reservas.

Seguindo con este tema e cuestionado polos controis do uso de máscara, Sánchez Bugallo recalcou que "a responsabilidade hoxe é individual, de cada un de nós. Pensar que van ser as forzas de seguridade as que se ocupen do que facemos cada un de nos é imposible e inviable", dixo.

Puxo como exemplo dun problema que "compartimos todos" os establecementos hostaleiros, que "deben esixirlle aos seus clientes que actúen con responsabilidade, e senón facer uso do dereito de admisión". "Preocupémonos do que permitimos e do que toleramos cada un de nós", insistiu, lembrando que "dende que se levantou o estado de alarma, o peso da carga da responsabilidade pasou a cada un de nós".

Ademais, mostrou a súa indignación por feitos como a festa que orixinou un importante rebrote en Córdoba, que considerou unha "absoluta irresponsabilidade" e que puxo como exemplo das repercusións que esta pode ter para a saúde e para a economía dunha zona.

Reserva de entradas
O alcalde expresou tamén a súa satisfacción, a nivel xeral e dende o punto de vista organizativo, polo desenvolvemento dos primeiros días das festas do Apóstolo. Non obstante, recoñeceu un problema cos aforos, cuxo control "está funcionando moi ben", pero "hai persoas que reservaron a súa praza e logo non se presentan, como puidemos ver o día do pregón, con máis de 200 cadeiras valeiras, ou en determinados concertos". Afirmou que é "un abuso e un acto insolidario reservar un asento e logo non comparecer".

"O noso erro probablemente foi que fora gratis a reserva", apuntou, recordando o feito de que moitos eventos esgotaron as súas entradas na primeira hora de apertura da reserva. "Para outra vez sacaremos conclusións", dixo, non descartando outras medidas, como obrigar a ir a recoller a entrada logo dunha pre-reserva".

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: