CONSORCIO

O 7 de agosto remata o prazo de inscrición na nova edición do Curso de Especialización Instrumental da EAEM

20/07/2020 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, organiza unha nova edición do Curso de Especialización Instrumental 2020-2021. Esta iniciativa diríxese a estudantes de música de grao medio ou superior que desexen perfeccionarse nalgún destes instrumentos: violín, viola, violoncello, contrabaixo, frauta, óboe, clarinete, fagot, trompa, trompeta, trombón ou percusión. O prazo de inscrición remata o 7 de agosto.

O curso académico comeza no mes de outubro de 2020 e remata en xuño de 2021. Búscase o perfeccionamento instrumental da especialidade elixida, a través de 15 horas de clase individual repartidas ao longo do curso. Ademais, durante o ano organizaranse diferentes actividades de práctica de conxunto, co que os/as participantes terán a oportunidade de ofreceren concertos públicos. Os/as alumnos/as recibirán un diploma acreditativo dos seus estudos.

As solicitudes, que tiveron que ampliarse debido á declaración do estado de alarma, deberán presentarse ata o día 7 de agosto a través da páxina web da Escola: www.eaem.es. Os/as interesados/as terán que xuntar o seu currículo, indicando o curso que están a realizar na actualidade, así como a relación de obras que cada un/unha vai interpretar nas probas de selección. Darase prioridade aos/ás aspirantes que non tivesen realizado estudos noutras edicións do Curso de Especialización Instrumental.

Probas de selección dos/das candidatos/as
As probas de selección das diferentes especialidades terán lugar os días 19 e 20 de setembro na sede da Escola de Altos Estudos Musicais. O centro disporá de pianistas acompañantes para quen o solicite no boletín de inscrición. Aqueles/as candidatos/as que non consigan praza pasarán a integrar unha lista de espera.

Compartir: