TURISMO

Santiago Prémiate agasalla coas primeiras visitas a un grupo de dez persoas

17/07/2020 Un primeiro grupo de dez persoas visitou onte a cidade da man da Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia como agasallo por pasar un mínimo de tres noites nun hotel ou pensión da cidade dentro do novo programa Santiago Prémiate. O prezo de venda ao público deste agasallo é de 12 euros por persoa.

Santiago Prémiate, froito da colaboración entre Turismo de Santiago e a Asociación de Guías, permite que as persoas que visitan Santiago poidan recibir como agasallo visitas guiadas pola cidade. A única condición para poder acceder a esta promoción é pasar un mínimo de tres noites nun hotel ou pensión da cidade.

As persoas que se aloxen polo menos tres noites nun hotel ou pensión da cidade poderán participar sen custo nas visitas "Tour Peregrino" ou "Compostela Contada". As visitas terán saída garantida todos os días ata o 31 de decembro, dependendo os seus horarios da época do ano. Dende o 15 de xullo ata o 30 de setembro haberá catro saídas diarias: ás 10:00, 12:00, 16:00 e 18:00 horas.

O Tour Peregrino é unha visita que xira arredor da figura dos peregrinos e o seu protagonismo na cidade dende o descubrimento da tumba do Apóstolo Santiago ata hoxe en día. A visita guiada parte da praza de Praterías e pasa por lugares emblemáticos como a praza do Obradoiro, antigo cemiterio de peregrinos preto da capela de San Fructuoso, rúa de Hortas e San Martiño Pinario.

Compostela Contada consiste nun percorrido polas rúas e prazas principais do Casco Histórico de Santiago, declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Na visita alúdese á historia do Apóstolo Santiago, quen xustifica a orixe da peregrinación e o desenvolvemento de Santiago de Compostela. O percorrido comeza na praza de Praterías e pasa polas principais prazas e rúas do Casco Histórico.

Un dos principais obxectivos de Turismo de Santiago a curto e medio prazo é captar turismo familiar da Península que viaxe con estadías longas e que poida empregar Santiago como centro para coñecer non só a cidade, senón tamén Galicia dun xeito seguro.

Santiago Prémiate, que se desenvolve coa colaboración da Deputación da Coruña, enmárcase neste obxetivo. A iniciativa ten dous grandes beneficiarios: máis de 170 hoteis e pensións da cidade, que teñen un agasallo que ofrecer ás persoas e familias que se aloxen tres noites no seu establecemento; e os sectores turístico e comercial da cidade en xeral, xa que aumentar a estadía media nos establecementos da cidade ten unha repercusión económica directa.

Compartir: