FESTAS

Un pregón de homenaxe en tempos da Covid-19 e "O recuncho da comedia" abren o Apóstolo 2020

16/07/2020 As festas do Apóstolo 2020 arrincan mañá venres cun pregón no que se mesturará o humor coa lembranza ás vítimas da Covid-19 e o recoñecemento a todos aqueles colectivos tan importantes durante esta pandemia para garantir a nosa saúde, a nosa seguridade e o noso benestar. Comezan así 15 días de celebración, con propostas para todos os públicos e en formatos máis reducidos e seguros.

Ás 21:00 h comezará o espectáculo O recuncho da comedia, con Rober Bodegas, Javier Veiga e David Amor. Cando rematen, a música do bombeiro rockeiro que chegou aos fogares composteláns nos días do confinamento dará paso ao pregón (22:30 h), conducido polo xornalista Luis Pardo, e no que intervirán tamén unha enfermeira e unha persoa que pasou a Covid-19. Xunto a eles, nos balcóns, estarán representantes de Protección Civil, Policía Nacional, Policía Local, Policía Autonómica, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros, Cruz Vermella, persoal sanitario, servizos sociais, parques e xardíns, servizo de limpeza, servizo de auga, persoal de supermercados e de distribución, agricultura e gandería, educación e medios de comunicación.

Nakany Kanté, A Banda de Nash e Torneo de Chave
Malia que o pregón suporá o inicio oficial das festas, estas arrincarán xa ben cedo, a partir das 10:00 h, coas alboradas a cargo dos Muiñeiros do Sarela. E xa pola tarde, ás 19:30 h, comezará na Alameda unha das citas tradicionais destas datas, o Torneo de Chave, que alcanza a súa XLII edición.

As propostas musicais desta primeira xornada veñen da man de Nakany Kanté e A Banda de Nash. Estes últimos actuarán ás 21:00 h no parque de Galeras, mentres que a cantante guineana subirá ao escenario da Quintana ás 22:00 h.

Reserva de entradas
Cómpre lembrar que para todas as actividades destes 15 días son de balde (agás unha actividade no Teatro Principal), pero hai que facer unha reserva, a través da web reservas.gal, para así ter un control dos aforos e poder garantir as distancias de seguridade. As reservas seguen activas e xa son moitos os espectáculos que esgotaron as entradas. A todas estas actividades haberá que acudir cunha antelación de 30 minutos e coa máscara, que é obrigatoria.

Os espectáculos cun maior aforo celebraranse na praza da Quintana. Ademais de Nakany Kanté, polo escenario pasarán artistas como Aretha Soul Divas & The Silverbacks (sábado 18), Broken Peach (domingo 19), A Banda da Loba (martes 21), TéCanela (mércores 22), Najla Shami (xoves 23), Gaizka Project (venres 24), Xacobe Martínez Antelo Trío (luns 27), Nastasia Zürcher (martes 28), Germán Díaz & Benxamín Otero (mércores 29) ou Ortiga (venres 31).

Tamén na Quintana haberá tres xornadas dedicadas á música e bailes tradicionais: o espectáculo "Do blues ao alalá" o luns 20, as Xornadas de Folclore Galego o Día do Apóstolo, e o TradFest que organiza La Voz de Galicia ao día seguinte, domingo 26. E tampouco faltará outro dos concertos máis esperados no Apóstolo, como é o da Real Filharmonía de Galicia, que desta vez se celebrará o día 30 e cun programa dedicado a Beethoven.

O outro espazo principal será o parque de Galeras, onde ademais de concertos, haberá espectáculos de humor e outros para toda a familia. Por alí pasarán artistas como A Banda de Nash, Mad Martin Trío, Lou Reyes & The Rockin Corsarios, o espectáculo familiar Pirilampo, a función teatral de Teatro del Andamio, o monologuista Oswaldo Digón, Colt 45, Andhrea & The Black Cats, Escuchando Elefantes, Agoraphobia, as proposta familiares de Uxía Lambona ou Na Casa de Caramuxo Teatro, o monólogo de Pablo Meixe & Danny Boy Ribera, Triska ou The New Raemon.

Ademais, haberá algún concerto e outras actividades como danza ou performances noutros lugares, como o parque de Bonaval, onde estarán Antía Muíño, 16 mm, Thesaurus, Marcelo Dobode, MounQup ou Ukestra.

Circo, cine e citas tradicionais
Na Alameda poderase desfrutar sobre todo de propostas para toda a familia, especialmente de circo. E no parque de Eugenio Granell haberá un ciclo de cine ao aire libre.

Por suposto, non faltarán citas tradicionais coma o Torneo de Chave, o concerto da Banda Municipal, o Día do Traxe Galego, os xigantes e cabezudos (que desta vez se concentrarán na Quintana) ou o Día de Padrón.

Direcciones relacionadas



Compartir: