MODERNIZACIÓN DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

O Concello pon en marcha un novo sistema de xestión de quendas e cita previa

14/07/2020 A concelleira de Modernización da Administración Local, Marta Abal, presentou este martes o novo sistema de xestión de quendas e cita previa de varios servizos municipais. Este sistema permitirá organizar de xeito escalonado e eficiente a volta á normalidade na xestión de trámites administrativos, cumprindo coas directrices de distanciamento social decretadas en resposta á Covid-19.

O/a cidadán/á poderá obter a súa cita previa tanto dende un ordenador como dun smartphone, accedendo a citaprevia.santiagodecompostela.gal, ou a través do teléfono 881 505 107. Tamén poderá obter a cita nalgunha quenda, de haber dispoñibles ese día, a través das máquinas de rexistro de chegada e espera en sala que se instalaron nas principais oficinas municipais de atención ao público. Grazas ao novo sistema poderán xestionarse as citas nas oficinas de Atención á Cidadanía, Atención ao Contribuínte, Padrón de Habitantes e Tráfico, así como no Rexistro Xeral, no Rexistro Auxiliar do Ensanche e no Rexistro e Oficina de Urbanismo.

Cando o/a solicitante entre en citaprevia.santiagodecompostela.gal, poderá seleccionar a oficina á que quere acudir e o trámite para o que pide cita previa. A páxina web mostraralle os días e as horas nas que hai quenda libre para atender ese trámite. O solicitante seleccionará o día e a hora que lle interese, e logo introducirá os seus datos persoais e de contacto. O/a usuario/a obterá un código localizador para a súa cita, que poderá recibir tamén mediante e-mail ou SMS. Este código permitirá posteriormente ao/á solicitante rexistrar a súa chegada, pero tamén modificar ou anular a súa cita.

Cómpre lembrar que o sistema pode dar lugar a citas presenciais, pero tamén a citas por videoconferencia, posibles sen servizos como o de Urbanismo, tal como recalcou a concelleira. Segundo destacou, este servizo é "un grande avance en prol da modernización da Administración local, para controlar os fluxos de persoas nas oficinas municipais e evitar as acumulacións e así previr a Covid-19". Ademais, avanzou que "o potencial da cita previa verase plasmado especialmente coa posta en marcha dentro duns meses da Administración electrónica".

Dispositivos móbiles
Os devanditos pasos serán os mesmos que se poderán dar a través da webapp de cita previa dispoñible a través de calquera smartphone ou dispositivo móbil. Ademais, con esta aplicación, o/a usuario/a poderá, cando acuda á súa cita, indicar (co código localizador ou co DNI) que xa chegou á oficina sen necesidade de entrar dentro dela, e quedar esperando a súa quenda na rúa. O sistema indicaralle no móbil cantas persoas van diante e canto é o tempo estimado de espera, o que lle permitirá agardar fóra das instalación.

Cando sexa a súa quenda, recibirá un aviso no seu dispositivo móbil, indicándolle que xa pode entrar. No caso de haber quendas dispoñibles, poderá empregar tamén a webapp para solicitar algunha quenda que quede libre no día

A aplicación móbil de Cita Previa do Concello de Santiago de Compostela é unha app universal, válida para todo tipo de dispositivos móbiles. Non é necesario instalala. Poderase obter escaneando un código QR (dispoñible no PDF adxunto) ou indicando a dirección citaprevia.santiagodecompostela.gal.

A través do teléfono
Outra posibilidade para solicitar cita previa é a través do teléfono 881 505 107, grazas a un sistema interactivo e automatizado de recoñecemento de voz.

Ademais, seguirá vixente a posibilidade de solicitar a súa cita por teléfono ou presencialmente na oficina á que queira acudir. Nese caso, o persoal de atención xestionará a través da aplicación a cita solicitada.

Rexistro de chegada e espera en sala
O novo sistema de cita previa tamén permite que o solicitante rexistre a súa chegada á oficina sen necesidade de empregar un dispositivo móbil. Para iso, nas oficinas de atención ao público haberá un quiosco dispensador de quendas, no cal o solicitante introducirá o código localizador da súa cita previa. No caso de haber quendas dispoñibles, poderá empregar tamén o quiosco para solicitar algunha quenda que quede libre no día

Unha vez rexistrada polo solicitante á súa chegada á oficina no quiosco dispensador de quendas, o quiosco imprimirá un tícket co código da súa quenda. O/a solicitante poderá quedar na sala de espera agardando a ser chamado para atender o seu trámite.

Para isto, en cada oficina de atención o público haberá una pantalla na que, ao chegar o momento de atender ao solicitante, soará un aviso acústico e aparecerá o código da súa quenda, xunto co número do posto no que será atendido/a.

Mellora da atención
Este sistema de cita ten como obxectivo mellorar a atención e experiencia dos cidadáns, reducindo os tempos de espera e as aglomeracións e facéndoa máis dinámica, e á vez optimizar o uso dos recurso dispoñibles e a eficiencia na atención. Facilita a interacción coa cidadanía, ofrecéndolle diversas canles de comunicación co Concello e proporcionándolle información en tempo real sobre os servizos municipais.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: