FESTAS

Xa se poden reservar as entradas para os eventos das festas do Apóstolo

13/07/2020 Dende o mediodía deste luns, 13 de xullo, xa se poden reservar as entradas para asistir aos diversos eventos das festas do Apóstolo 2020 a través da web reservas.gal. Todas as actividades son de balde, pero cómpre esta reserva para así ter un control dos aforos e poder garantir as distancias de seguridade.

A praza da Quintana e o parque de Galeras serán os dous escenarios principais nestas festas. Así, na Quintana daranse cita artistas como Nakany Kanté (venres 17), Aretha Soul Divas & The Silverbacks (sábado 18), Broken Peach (domingo 19), A Banda da Loba (martes 21), TéCanela (mércores 22), Najla Shami (xoves 23), Gaizka Project (venres 24), Xacobe Martínez Antelo Trío (luns 27), Nastasia Zürcher (martes 28), Germán Díaz & Benxamín Otero (mércores 29) ou Ortiga (venres 31).

Tamén na Quintana haberá tres xornadas dedicadas á música e bailes tradicionais: o espectáculo "Do blues ao alalá" o luns 20, as Xornadas de Folclore Galego o Día do Apóstolo, e o TradFest que organiza La Voz de Galicia ao día seguinte, domingo 26. E tampouco faltará outro dos concertos máis esperados no Apóstolo, como é o da Real Filharmonía de Galicia, que desta vez se celebrará o día 30 e cun programa dedicado a Beethoven.

O outro espazo principal será o parque de Galeras, onde ademais de concertos, haberá espectáculos de humor e outros para toda a familia. Por alí pasarán artistas como A Banda de Nash, Mad Martin Trío, Lou Reyes & The Rockin Corsarios, o espectáculo familiar Pirilampo, a función teatral de Teatro del Andamio, o monologuista Oswaldo Digón, Colt 45, Andhrea & The Black Cats, Escuchando Elefantes, Agoraphobia, as proposta familiares de Uxía Lambona ou Na Casa de Caramuxo Teatro, o monólogo de Pablo Meixe & Danny Boy Ribera, Triska ou The New Raemon.

Ademais, haberá algún concerto e outras actividades como danza ou performances noutros lugares, como o parque de Bonaval, onde estarán Antía Muíño, 16 mm, Thesaurus, Marcelo Dobode, MounQup ou Ukestra.

Circo, cine e citas tradicionais
Na Alameda poderase desfrutar sobre todo de propostas para toda a familia, especialmente de circo. E no parque de Eugenio Granell haberá un ciclo de cine ao aire libre.

Por suposto, non faltarán citas tradicionais coma o Torneo de Chave, o concerto da Banda Municipal, o Día do Traxe Galego, os xigantes e cabezudos (que desta vez se concentrarán na Quintana) ou o Día de Padrón.

Compartir: