XUNTA DE GOBERNO

O servizo de comedor escolar continuará en xullo e agosto grazas á colaboración con Afundación

13/07/2020 A Xunta de Goberno Local, na súa sesión ordinaria, aprobou a continuidade do servizo de comedor escolar durante os meses de xullo e agosto. A fundación Galicia Obra Social (Afundación) asume durante estes dous meses este servizo, que se prestará nos centros socioculturais de Cornes e Vite.

O rexedor compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, indicou que a fundación Galicia Obra Social ofreceu este servizo a varios concellos galegos. Deste xeito, aquelas familias que o desexen poderán seguir accedendo a este servizo durante xullo e agosto. Unha vez comezado o curso, e levantada a suspensión do contrato coa empresa que presta os servizo, o Concello volverase a facer cargo do seu financiamento. Os termos desta colaboración entre o Concello e Afundación están marcados nun protocolo.

Afundación, a través do seu programa Cubertos proporcionará ata 200 menús diarios, de xeito gratuíto, de luns a venres, para cubrir as necesidades de alimentación dun número igual de persoas menores de idade. O obxectivo de Cubertos é apoiar as familias máis vulnerables, especialmente afectadas pola crise da Covid-19, garantindo ás nenas e nenos unha alimentación saudable durante o verán, período no que se interrompen os programas de bolsas comedor.

Senda peonil
Noutra orde de cousas e a proposta do concelleiro de Medio Rural, adxudicouse a construción dunha senda peonil na rúa de San Martiño (1ª Fase), obra incluída no POS + 2019 da Deputación da Coruña. Os traballos executaraos a empresa Obras y Viales de Galicia, SL, por un importe de 319.420 euros (IVE incluído).

Estrutura de custos do servizo do lixo
Ademais, aprobouse o sometemento a información pública da proposta de estrutura de custes do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria do Concello de Santiago de Compostela. O alcalde cifra de custos deste servizo nos 10 millóns de euros anuais.

Incendio en Vidán
Preguntado polo incendio rexistrado o venres en Vidán, o alcalde apuntou que "todo indica que tanto este incendio como o de hai unha semana foron provocados". Amosou a súa especial preocupación en materia incendiaria polos "entornos periurbanos" de Compostela e lembrou aos/ás propietarios/as privados/as a súa obriga de limpar os montes. Neste sentido, salientou o problema que supón "ter máis de 100.000 parcelas de propiedade privada no municipio, moitas delas de propiedade compartida".

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: