CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia regresa aos escenarios cun concerto na Cidade da Cultura e dirixida polo seu mestre titular, Paul Daniel

06/07/2020 A Real Filharmonía de Galicia regresa esta semana de novo aos escenarios logo dun parón obrigado de catro meses debido á crise sanitaria provocada pola Covid-19. Os/as músicos/as están a recibir sesións informativas para coñecer os protocolos de prevención que deben manter nas súas actuacións e o mércores comezarán os ensaios.

A Real Filharmonía de Galicia regresa aos escenarios cun concerto na Cidade da Cultura e dirixida polo seu mestre titular, Paul Daniel

A Real Filharmonía de Galicia regresa esta semana de novo aos escenarios logo dun parón obrigado de catro meses debido á crise sanitaria provocada pola Covid-19. Os/as músicos/as están a recibir sesións informativas para coñecer os protocolos de prevención que deben manter nas súas actuacións e o mércores comezarán os ensaios.

Este primeiro concerto celebrarase o sábado 11, ás 12:00 horas, no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura (andar 1), baixo a batuta do director titular e artístico da RFG, o mestre Paul Daniel, e con todos os convites xa esgotados. Con este concerto péchase o ciclo de música "Matinais Clásicas" que promove a Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

Dende "As vodas de Fígaro" de Mozart ata "Goyescas" de Granados
O programa comezará coa abertura de As vodas de Fígaro, de Mozart (1756-1791). Está considerada como unha das mellores creacións do compositor austríaco e unhas das óperas máis importantes da historia da música. A trama desenvólvese en Sevilla durante a segunda metade do século XVIII e representa unha crítica á aristocracia da época.

De seguido o público asistente terá a oportunidade de escoitar a Sinfonía nº 8 de Beethoven (1770-1827). Compúxoa nun momento moi delicado da súa vida e, a pesar desa situación, é a súa sinfonía máis alegre e despreocupada, unha obra totalmente desprovista das emocións sombrías que estaba a experimentar.

Logo soará a obra contemporánea Moinhada, do compositor galego Joam Trillo (1942), colaborador habitual da Real Filharmonía de Galicia. O concerto concluirá co Intermezzo de Goyescas de Enrique Granados (1867-1916), orquestrado por Ernest Martínez. Está considerada a obra mestra do compositor e o seu nome fai referencia á obra do pintor Francisco de Goya, de quen Granados era un grande admirador.

Medidas de seguridade sanitaria
A este concerto asistirán de xeito presencial 100 persoas, sentadas en cadeiras con separación de dous metros -agás entre as persoas convivintes con convites dobres-. É obrigatorio o uso de máscara de protección por parte do público. Haberá xel hidroalcólico na entrada, nas zonas comúns e nos aseos. Deberá manterse a distancia de seguridade entre os asistentes non pertencentes á mesma unidade familiar.

O público accederá directamente ao andar 1 do Museo Centro Gaiás. Haberá un circuíto diferenciado de acceso e de saída. A entrada e saída da sala farase de xeito paulatino e ordenado, seguindo as indicacións do persoal da Cidade da Cultura. Ocuparase a butaca asignada polo persoal da sala.

Compartir: