MOCIDADE

Mocidade abre este luns a preinscrición nos seus campamentos de verán

03/07/2020 A Concellaría de Mocidade vai realizar este verán dous campamentos, en Oleiros (A Coruña) e en San Xoán de Río (Ourense), entre o 24 e o 31 de xullo e entre o 3 e o 7 de agosto, respectivamente. O prazo de preinscrición estará aberto dende o luns 6 ao xoves 9 de xullo.

Estes campamentos están dirixidos a mozos e mozas de entre 14 e 17 anos e cada un deles conta con 20 prazas, que serán cubertas por rigoroso orde de preinscrición. Os impresos presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende, 4) ou no Rexistro Auxiliar do CSC e Xuvenil do Ensanche (rúa de Frei Rosendo Salvado, 14-16 baixo), en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Surf
O Campamento de Verán de Surf en Oleiros realizarase entre o 24 e o 31 de xullo no albergue de Santa Cruz. Ten un prezo de 120 euros, coa posibilidade de redución a 100 no caso de segundo irmán ou familia numerosa.

Este é un campamento de mar por excelencia, onde se mesturarán a práctica dos deportes náuticos coa ¬flora e fauna mariña. É un campamento que require un esforzo físico constante debido á práctica continuada do deporte. Entre outras, realizaranse as seguintes actividades: surf, snorquel, sendeirismo, kaiak ou paddel board, entre outras.

Astronomía
O Campamento de Astronomía celebrarase no albergue de San Xoán de Río, na comarca de Trives (Ourense), do 3 ao 7 de agosto, cun prezo de 90 euros, reducible ata os 75 nos supostos referidos.

Trátase dun campamento de interior, cuxa actividade central serán as veladas nocturnas de astronomía, aproveitando un dos ceos máis limpos do país, completándose o programa con actividades de natureza, tiro con arco, lasertag, ou xeoorientación, entre outras.

Compartir: