RELACIÓNS VECIÑAIS

Últimos días para solicitar as subvencións para as asociacións veciñais

02/07/2020 O vindeiro 5 de xullo remata o prazo de presentación de solicitudes da convocatoria de subvencións a asociacións veciñais sen ánimo de lucro, para o desenvolvemento de programas e actividades de interese xeral durante o exercicio 2020. O Concello de Santiago destina a estas axudas a contía de 100.000 euros.

O importe subvencionable será, como máximo, do 80% do orzamento de gastos, cun límite de 3.000 euros por solicitude, ou 5.100 euros só naqueles casos de ser entidades veciñais propietarias de equipamentos socioculturais. Considéranse subvencionables os gastos necesarios para o desenvolvemento de actividades de interese xeral para a cidadanía, que sexan realizadas entre o 1 de xaneiro e o 30 de outubro de 2020; e que respondan á seguinte tipoloxía:

- Prestación de servizos de información e asesoramento, comunicación e divulgación: publicacións, boletíns, revistas…

- Formación e ocio: obradoiros, cursos charlas, coloquios, conferencias…

- Participación da cidadanía e apoio a outros colectivos do barrio: debates, mesas redondas, asembleas, encontros, foros. Campañas de divulgación e sensibilización, tanto de temas relacionados coa problemática específica de cada barrio, como outros temas relacionados coa igualdade, sostibilidade, condutas cívicas de limpeza, orde e coidado do barrio, atención a sectores con dificultades, coñecemento e respecto dos dereitos humanos, fomento do voluntariado, educación en valores, convivencia interxeracional e intercultural, etc.; participación en procesos participativos e programas municipais; campañas de captación e colaboración cos centros socioculturais.

- Actividades sociais: eventos festivos, culturais e deportivos cuxo obxectivo sexa mellorar a convivencia, que non sexan obxecto de axudas municipais específicas e que favorezan a relación, colaboración e integración entre a veciñanza. Programas de axuda e colaboración entre veciñas e veciñas. Aluguer de carpas e equipos audiovisuais (montaxe e desmontaxe). Consideraranse gastos de actividades os seguros de responsabilidade civil vinculados á súa realización.

- Gastos de funcionamento: inclúense pequenos arranxos e gastos de mantemento e conservación no local sociocultural municipal que usa a asociación (derivados do uso da asociación), e gastos de mantemento e conservación (auga, gas, electricidade, teléfono combustible, material de limpeza, pequenos arranxos, gastos de comunidade de propietarios…) no caso de que sexa un local de titularidade da asociación de veciños. Tamén son subvencionables os gastos de teléfono móbil da asociación, telefonía fixa, internet… ou de material funxible (folios, grampas, lapis…).

Non serán subvencionables os gastos inventariables (bens non funxibles cuxo custe de adquisición sexa inferior a 150 euros), nin gastos das nóminas de persoal. Tampouco serán subvencionables os gastos de bebidas alcohólicas.

Poderán acollerse a esta convocatoria do Departamento de Relacións Veciñais todas as asociacións de veciños do municipio que cumpran os seguintes requisitos: figurar inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello de Santiago con anterioridade á publicación desta convocatoria e ter actualizados os seus datos no citado Rexistro; estar ao corrente das súas obrigas fiscais; e non estar incursas en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario das subvencións previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta convocatoria as actividades que obteñan subvención por parte doutra concellaría, e as que pola súa natureza ou obxectivo poidan acollerse a outras convocatorias de subvención realizadas polo Concello de Santiago, ou non se encadren dentro do ámbito de actuación do Departamento de Relacións Veciñais. Tamén quedan excluídas aquelas actividades que teñan escasa relevancia e/ou carezan de interese xeral.

Compartir: