REHABILITACIÓN

Compostela obtén o proxecto arquitectónico para recuperar o entorno da rúa da Caramoniña

01/07/2020 A proposta municipal de rehabilitación para a rúa da Caramoniña gañadora do Concurso Driehaus xa conta co seu proxecto arquitectónico, elixido entre as propostas de deseño presentadas por máis de 100 estudios de arquitectura nacionais e internacionais. O proxecto gañador recibirá 12.000 euros.

O Concurso Driehaus é unha iniciativa do financeiro norteamericano Richard H. Driehaus, a través de R.H.D. Charitable Lead Trust, convocada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que busca axudar a recuperar o Patrimonio arquitectónico español. Na primeira fase do concurso, as tres localidades elixidas furan Santiago de Compostela, Alzira e Santa Cruz de la Palma. Excepcionalmente, recuperouse a candidatura de Guadix, que quedara deserta en 2019.

Nesta segunda fase, 100 estudios de arquitectura nacionais e internacionais presentaron as súas propostas de deseño y concedéronse 58.000 € en premios. Cada proxecto gañador recibirá 12.000 euros.

A iniciativa premiada para Santiago de Compostela foi "Hydrangea", realizada polo equipo de Eva Niño, Elia San Román e Carmen Carral. O Concello expuña a necesidade de rehabilitar unha área do seu centro histórico hoxe infrautilizada e mal conectada no entorno da rúa da Caramoniña. O proxecto recupera varias construcións, hoxe en ruínas, para destinalas a vivendas para artistas. Ademais, conecta sutilmente esta zona co parque de San Domingos de Bonaval e rehabilita un almacén municipal transformándoo nun espazo con utilidade para taller ou exposicións.

Debido á elevada calidade das propostas, ademais das galardoadas, o xurado concedeu varias mencións de honra, dotadas con 2.000 euros, a 11 proxectos que contribuían a revitalizar e embelecer as catro localidades. O xurado, formado por representantes dos ministerios de Transportes e de Cultura, do CSCAE, de INTBAU (International Network for Traditional Building Architecture and Urbanism), das alcaldías das catro localidades e do Premio Rafael Manzano, reuniuse virtualmente e valorou a calidade e viabilidade dos proxectos.

Os deseños gañadores formarán parte dunha exposición que se inaugurará tras a cerimonia de entrega de premios no mes de outubro. Ademais, acaba de ser convocada a primeira fase do Concurso do 2021, para que todos os municipios interesados en participar poidan enviar a súa candidatura.

Direccións relacionadas



Compartir: