XUNTA DE GOBERNO

Adxudicado o espectáculo pirotécnico das festas do Apóstolo, que se celebrará ao tempo en oito localizacións da cidade

29/06/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, anunciou que este martes o Goberno local adxudicou, nun Xunta de Goberno extraordinaria, o deseño, produción, montaxe e realización do espectáculo pirotécnico das festas do Apóstolo, por un importe total de 106.601 euros á empresas Pirotecnia Zaragozana. Cómpre lembrar que o espectáculo pirotécnico deste ano terá lugar, ao tempo e coas mesmas características, en oito localizacións diferentes na cidade.

Os oito puntos dende os que se lanzará a pirotecnia serán: Santa Susana, parque de Carlomagno (Fontiñas), A Almáciga, Cidade da Cultura, Monte de Deus, parque de Eugenio Granell, Granxa do Xesto e parque de Luis Pasín (Conxo).

Os fogos comezarán ás 23:30 horas e terán unha duración mínima de 20 minutos.

Políticas Sociais
Noutra orde de cousas, na Xunta de Goberno ordinaria acordouse a solicitude á Xunta dunha subvención de 3.084.970 euros para o cofinanciamento de servizos sociais comunitarios básicos, para un orzamento total dos mesmos de 4.607.304 euros, polo que a achega municipal sería de 1.522.334 euros. Estas cantidades destinaríanse a gastos de persoal, ao Servizo de Axuda no Fogar e a programas de intervención social pola Covid-19.

Tamén na orde social, aprobáronse tres convenios de colaboración con outras tantas entidades para este exercicio 2020: coa Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais, por importe de 3.500 euros; coa Asociación Galega para Axuda de Enfermos con Demencia tipo Alzheimer (Agadea), por 3.000 euros; e coa Fundación Down Compostela, por 10.000 euros.

Emprego
En materia de emprego, acordouse aceptar unha subvención de 6.400 euros da Consellería de Economía, Emprego e Industria para a contratación de dous/dúas socorristas, por un período de dous meses, para as praias fluviais de Chaián e Illa do Refuxio.

Educación
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi a solicitude á Consellaría de Políticas Sociais da subvención para o cofinanciamento das escolas infantís municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños. O orzamento previsto para a xestión destas escolas é de 809.487 euros, solicitándose á Consellaría o 70% do custo, 566.641 euros.

Tamén a proposta da concelleira de Educación, deuse o visto bo ao xurado da XIII edición do Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, que estará presido polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo e, por delegación, pola responsable de Educación, Noa Díaz. Serán vogais Pilar Sampedro Martínez, pedagoga e vicepresidente de GALIX; Paz Gil Soto, xornalista e Premio Libraría Cultural 2013; Xosé Cobas Gómez, pintor, deseñador gráfico e ilustrado; e Alberto Urdiales Valiente, doutor en Belas Artes pola UCM e profesor de artes plásticas.

Mocidade
Sen saír do ámbito da mesma Concellaría, pero no ámbito de Mocidade, aprobáronse dous campamentos de verán a desenvolver en Oleiros (A Coruña) e San Xoán de Río (Ourense), cun custo de 13.970 euros. Están dirixidos a mozos e mozas de entre 14 e 17 anos e cada campamento conta con 20 prazas.

O Campamento de Verán de Surf en Oleiros realizarase entre o 24 e o 31 de xullo. Ten un prezo de 120 euros, coa posibilidade de redución a 100 no caso de segundo irmán ou familia numerosa. O Campamento de Astronomía en San Xoán de Río celebrarase do 3 ao 7 de agosto, cun prezo de 90 euros, reducible ata os 75 nos supostos referidos.

Sentenza xudicial
A Xunta de Goberno tamén tomou en coñecemento unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que levanta cautelarmente a suspensión que decretara no seu día o Concello sobre o paso de camións cara o vertedoiro de Miramontes da empresa que o xestiona, por exceder do límite de tonelaxe. O alcalde anunciou que o Concello vai recorrer esta decisión ante o Tribunal Supremo.

Volta á normalidade
Finalmente, Sánchez Bugallo aproveitou a rolda de prensa para expresar a súa satisfacción polo "éxito razoable" de Prima20, especialmente no Ensanche. Tamén confirmou que se seguen dando pasos cara a "normalidade" no tráfico de vehículos e viaxeiros. Así, indicou que a media de vehículos privados da pasada semana foi de 137.552, o que supón o 78% respecto a antes da crise (176.000). No caso do transporte público, a media situouse nos 10.000 viaxeiros día, un 36,8% respecto a antes da pandemia (27.000).

Direcciones relacionadas



Compartir: