IGUALDADE

Unha nova xornada en liña de "Artellando Feminismo" aborda este xoves os estereotipos de xénero

03/06/2020 A Concellaría de Políticas de Igualdade ofrece este xoves, de 19:00 a 20:30 horas, unha nova entrga do programa Artellando Feminismo cunha xornada en liña, de 19:00 a 20:30 horas, na que se falará sobre estereotipos de xénero. A iniciativa seguirá durante este mes de xuño con dúas novas xornadas os días 11 e 18.

Na xornada de mañá xoves, Ana Torres Jack conducirá unha sesión denominada "(Des)Aprendendo a construír estereotipos de xénero". Reflexionarase sobre situacións, tan establecidas na sociedade, que ás veces é difícil decatarse de que agochan mensaxes con prexuízos de xénero, que deixan ver as rutinas de desigualdade instaladas dende hai moito tempo.

Neste espazo de aprendizaxe e intercambio falarase sobre como previr a desigualdade de xénero e a violencia machista dende a infancia, a través de diferentes recursos e estratexias para evitar a construción errónea de estereotipos e roles de xénero, intentando evitar que as novas xeracións perpetúen comportamentos sexistas ancorados dende hai tempo na sociedade.

Máis accións
As seguintes accións serán o 11 de xuño, cando Soledad Muruaga falará sobre a saúde das mulleres dende o punto de vista da súa socialización; e o 18 de xuño, coa presenza de Martina González Veiga para axudar as mulleres a coñecerse a si mesmas coa conferencia "Sexualidade feminina".

En setembro haberá dúas xornadas presenciais. A primeira, o día 10, é "Prostitución: unha ollada desde dentro", que será impartida por Amelia Tiganus. Na segunda, o 24 de setembro, proxectarase a longametraxe El proxeneta, dirixida por Mabel Lozano. Tras o visionado, haberá un coloquio coa directora. Todas as actividades son de balde. Para participar só hai que inscribirse na web de Artellando Feminismo.

Artellando Feminismo
Artellando Feminismo é un programa deseñado polo Departamento de Igualdade do Concello de Santiago, que dirixe Noa Díaz. Un conxunto de accións encamiñadas a animar á sociedade compostelá a implicarse de xeito activo na transformación social, fomentando a toma de conciencia na igualdade de dereitos e de oportunidades; recoñecendo a contribución da muller ao desenvolvemento social, económico e cultural; dando visibilidade ás desigualdades aínda existentes, promovendo a reflexión e os espazos de creación conxunta e facilitando ferramentas prácticas para desenvolver recursos a favor da igualdade real entre mulleres e homes.

As xornadas, que pretenden ser un espazo de intercambio e aprendizaxe, están dirixidas a todas as persoas interesadas en acadar unha cidadanía responsable dende a participación activa; contribuíndo de forma individual para unha construción colectiva, porque cada persoa que artella feminismo, artella igualdade.

Direccións relacionadas



Compartir: