TURISMO, URBANISMO E SEGURIDADE CIDADÁ

O Concello de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela analizan como se está desenvolvendo o proceso de desescalada

02/06/2020 Os concelleiros de Urbanismo, Mercedes Rosón; de Turismo, Sindo Guinarte; e de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muiños; reuníronse con responsables da Asociación Hostalería Compostela. Foi unha xuntanza de seguimento, na que tanto o Concello de Santiago como a entidade valoraron positivamente como se está desenvolvendo o proceso de desescalada no sector hostaleiro e de restauración, e como os establecementos están, segundo explicou Sindo Guinarte, "recuperando progresivamente a normalidade que os límites de aforo permiten".

Dende o Concello informaron á Asociación de que na fase 3, que se iniciará o luns que vén, increméntanse os aforos nas terrazas ata o 75%; autorizarase o consumo na barra dos locais de restauración, cafeterías e bares; e permitiranse grupos de ata 20 persoas. Ata agora, o límite son 10 persoas. O aforo no interior dos locais continuará no 50%, unha porcentaxe xa permitida esta semana na nosa comunidade autónoma.

A Asociación Hostalería Compostela solicitou ao Concello a posiblidade de ampliar o horario das terrazas. Sindo Guinarte afirmou que se estudiará esta petición, "dada a situación económica na que está o sector". No encontro tamén se tratou a situación de "emerxencia" na que se atopan os locais de ocio nocturno, nos que, segundo o responsable de Turismo, "a afectación é moito maior". Engadiu que non hai problema en que algúns deses establecementos estean anticipando o horario de apertura.

Na xuntanza tamén se falou de distintas accións de animación en rúa de cara ao mes de xullo, cando remate o estado de alarma. Sindo Guinarte sinalou que están esperando unha proposta do sector e que, de xeito paralelo, a Concellaría de Acción Cultural está traballando neste asunto. Un tema, engadiu, que se retomará na próxima reunión, igual que o das axudas á cultura e como éstas poden repercutir na restauración e na hostalería.

No encontro tamén estaban presentes técnicos de Urbanismo e de Mobilidade e membros da Policía Local. En representación da Asociación Compostela Hostalería participaron o xerente, Ramón García Seara; e Lois López, Sergio Fernández e David Dopazo, todos eles integrantes da xunta directiva.

Compartir: