ALCALDÍA

O Goberno municipal aproba plans de desescalada nos ambitos sociocultural, turístico, deportivo e de mercados

22/05/2020 Nunha Xunta de Goberno extraordinaria celebrada este venres, o Goberno local aprobou plans de desescalada en varios ámbitos de servizos municipais, tales como a rede sociocultural, as oficinas de información turística, as instalacións deportivas ou os mercados. Non obstante, o Concello queda pendente da publicación do decreto que regulará o novo estado de alarma e da previsible entrada de Galicia na fase 2 da desescalada.

"Probablemente o luns haxa que matizar algúns dos acordos a día de hoxe, pero non podiamos esperar máis tempo", explicou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, a este respecto. Igualmente, engadiu, quedan pendentes ámbitos como o educativo, á espera das resolucións autonómicas na materia. O alcalde si dou por suposto o paso de Galicia á fase 2 da desescalada.

Un dos ámbitos nos que se fixan etapas de desescalada é o sociocultural, no que se prevé unha "plena normalización" das instalacións para o 2 de xullo. Este luns 25 de maio abrirán inicialmente catro equipamentos –Casa das Asociacións de Cornes e centros socioculturais de Vite, Fontiñas e Ensanche- aos que se sumarán outros catro o 14 de xuño. Así, progresivamente, ata completar a apertura no mencionado 2 de xullo.

Festas do Apóstolo
Sen abandonar o ámbito cultural e preguntado polas festas do Apóstolo, o alcalde afirmou que, "salvo rebrote", estas vanse celebrar, cos "formatos e contidos axeitados á nova normalidade, evitando concentracións masivas de persoas". O que si descartou foi a celebración do espectáculo de luz e son dos fogos do Apóstolo na praza do Obradoiro, porque "non ía ser entendido que, polo seu custe, só o puidera desfrutar un número limitado de persoas". Anunciou que o Consorcio destinará o importe destinado a esa parte audiovisual, uns 100.000 euros, ao seu programa de axudas a comercio e hostalería. O Concello segue estudando as posibilidades de realización da parte pirotécnica dos Fogos.

Oficinas turísticas e instalacións deportivas
O 15 de xuño é a data escollida para abrir as oficinas de información turística, tanto a da rúa do vilar como a do aeroporto. En calquera caso, indicou Sánchez Bugallo, esta apertura coordinarase coa Xunta de Galicia, para que tanto as oficinas municipais como as autonómicas abran ao mesmo tempo.

En materia de instalacións deportivas tamén se contemplan varias etapas de apertura, do 25 ao 31 de maio, do 1 ao 7 de xuño, do 8 ao 14 de xullo...para recuperar a "nova normalidade" a partir do mes de xullo.

Seguindo cos deportes, na xuntanza extraordinaria deste venres aprobouse a prórroga do contrato de mantemento de campos de fútbol municipais e zonas anexas, e do de conserxería e limpeza de instalacións deportivas.

Apertura dos mercados de Amio e Salgueiriños
A Xunta de Goberno tamén aprobou normas para a reapertura do mercado de gando de Amio e do mercado de Salgueiriños. No primeiro caso, autorízase á concesionaria a abrir a partir deste luns 25 de maio, sempre que se cumpran as condicións fixadas na instrución ditada onte pola Consellería de Medio Rural.

En canto mercado de Salgueiriños, autorízase o seu funcionamento dende o xoves 28 de maio. Haberá un máximo de 65 postos, con regras estritas entre posto e posto e vías de comunicación internas dun mínimo de 7 metros. O Concello elaborou un plano coa situación exacta que terá cada posto. O alcalde indicou que se falará cos vendedores e vendedoras sobre a distribución e as normas de seguridade que deberán cumprir e sobre as que velará a Policía Local.

Zonas ORA
A Xunta de Goberno tamén ratificou unha medida xa anunciada como a volta á situación de normalidade, con pagamento e rotación, dunha parte da prazas de estacionamento da ORA, as correspondentes ao réxime xeral e de curta duración. Mantéñense libres de pago e de rotación as zonas de estacionamento de longa duración, situadas ao Campus, ao estacionamento de Pontepedriña e á avenida de Ferrol. Tal como apuntou o alcalde, das 1.700 prazas de ORA, 990 manteranse libres "temporalmente", e a decisión sobre estas "revisarase semana a semana".

Sen autorizacións para cacharelas
Finalmente, en materia de seguridade cidadá, acordouse non autorizar ningunha cacharela ou sardiñada de San Xoán en espazos públicos. Para Sánchez Bugallo, "as condicións de seguridade son dificilmente compatibles coa organización destas actividades, cando menos de momento".

** No documento adxunto de Resumo da Xunta de Goberno poden consultarse os detalles de cada un dos plans de desescalada

Direccións relacionadas



Compartir: