EMPREGO

O Concello oferta 4.000 novas prazas de formación, a maioría a través de mobile learning, nunha aposta pioneira pola aprendizaxe a través de dispositivos móbiles

19/05/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presentou a nova oferta de formación online, deseñada polo departamento de Emprego a través do programa Talentia Summit’20, dentro do Plan Marco de Reactivación Económica Compostela 2020, posto en marcha polo Concello de Santiago co obxectivo de mitigar os efectos da crise sanitaria provocada pola COVID-19. Son un total de 4.000 novas prazas, que se suman ás 1.500 lanzadas hai un mes, cubertas practicamente na súa totalidade. Esta convocatoria conta dúas importantes novidades. A primeira, a formación mobile learning, cunha serie de cursos, que suman 3.200 prazas, optimizados para facelos 100% dende o móbil e que teñen como obxectivo facilitar o acceso de máis persoas as actividades formativas. E a segunda, unha acción formativa sobre COVID-19, coñecementos que, presumiblemente, cada vez serán máis demandados en distintos sectores económicos, entre eles a hostalería e o comercio. O prazo de presentación de solicitudes está aberto dende hoxe e ata esgotar as prazas.

As distintas accións formativas, centradas nas tendencias profesionais máis demandadas do mercado laboral, divídense en tres grandes bloques de especialización e aprendizaxe: "Idiomas, comunicarse nunha cidade cosmopolita", "Habilidades e actitudes. Medrar e liderar o cambio dixital e persoal" e "Competencias profesionais, é momento de reinventarse". Durante a comparecencia, o alcalde destacou "a aposta sen precedentes por potenciar o talento e a recalificación profesional online para combater as secuelas da COVID-19, despois do éxito da anterior convocatoria formativa". Na presentación tamén participou Javier Ferreiro, técnico responsable da área de Emprego.

Idiomas
Tras o éxito da primeira convocatoria e tras a demanda reiterada por parte do alumnado a través das redes sociais e páxinas web, ofrécense novos cursos de idiomas, centrados en inglés, con múltiples módulos específicos de inglés no ámbito profesional; ampliando tamén a oferta a outras linguas como portugués, alemán, francés, italiano ou ruso. Esta aposta pola diversidade lingüística busca potenciar as habilidades comunicativas nunha cidade cosmopolita como é Santiago de Compostela. Hai un total de 427 prazas dispoñibles neste bloque.

Cambio dixital
Ademais de ampliar as aptitudes comunicativas e lingüísticas, é importante adaptarse e sumarse ao cambio dixital para poder crecer persoal e profesionalmente. Neste bloque de 13 cursos poténciase o impulso da transformación social e dixital destinado a empresas e profesionais independentes en seccións como cultura dixital, diversidade e inclusión, fundamentos de negocio e benestar emocional. Trátase de cursos optimizados para mobile learning, compatibles con todos os dispositivos que contarán con 3.200 prazas dispoñibles.

Competencias profesionais
Como indicou Xosé Sánchez Bugallo, non cabe dúbida que "é o momento de reinventarse". Dada a situación actual provocada pola pandemia mundial do coronavirus COVID-19, "é fundamental coñecer e ampliar competencias dixitais para enriquecer e fortalecer o noso perfil profesional de cara á procura dunha oportunidade laboral". Neste bloque, as persoas usuarias dispoñen dun total de 315 prazas en 20 categorías de alta demanda no mercado laboral actual, como son informática, programación, sanidade, enerxía, saúde e nutrición ou o turismo.

Dentro deste terceiro bloque destaca un curso de prevención de riscos laborais relacionado coa COVID-19. O alcalde apuntou a necesidade de coñecementos neste ámbito no momento actual e que esta formación está "moi orientada ao comercio e á hostalería". Inicialmente ofreceranse 100 prazas neste curso, ampliables a 250 se a demanda o requirira.

Talentia Summit
Tras o éxito do primeiro lanzamento de cursos online, con 850 prazas reservadas nun só día, lánzase unha segunda convocatoria dos cursos online Talentia Summit’20, centrados nas tendencias profesionais máis demandadas no mercado laboral actual.

Das máis de 20.000 visitas recibidas na web de Talentia Summit dende o lanzamento da primeira convocatoria, aproximadamente o 75% delas foron dende dispositivos móbiles. Coa intención de facilitar o acceso a máis persoas, a nova oferta formativa conta con cursos mobile learning, unha serie de cursos optimizados para facelos 100% dende o móbil.

Debido á gran demanda do consumo de formación desde dispositivos móbiles, o Concello de Santiago decidiu que a nova oferta formativa tamén estea enfocada no mobile learning, tamén coñecido como m-learning, a educación a través de dispositivos móbiles, smartphones ou tablets. Desta maneira, o/a alumno/a é dono do seu propio tempo e pode aprender cando e onde queira; xa non só desde un computador.

Aprender dende o móbil
Talentia Summit ten un compromiso coa innovación, analizando e á vez anticipándose a unha nova era na educación co mobile learning. É unha realidade que a nosa contorna cambiou, agora o smartphone protagoniza a forma de comunicarnos e de expresarnos. A formación tamén debe adaptarse a esta nova realidade.

O incremento do uso das redes sociais e das novas tecnoloxías favorecen a tendencia "mobile", e as novas xeracións apostan claramente por esta nova forma de aprendizaxe.

As competencias dixitais son imprescindibles para afrontar os retos do mercado laboral, e o m-learning facilita o desenvolvemento das destrezas dixitais. É necesario desenvolverse con fluidez na contorna actual e posuír as habilidades dixitais que demanda o mercado.

Inscrición
A partir deste martes 19 de maio ábrese o prazo de inscrición nos cursos de formación a través da web de Talentia Summit, e finalizará en canto acaben as prazas dispoñibles. Está previsto que este mesmo venres poida iniciarse a actividade formativa.

Documentos relacionados



Compartir: