CENTROS SOCIOCULTURAIS

Os centros socioculturais seguen celebrando as Letras Galegas

15/05/2020 Coa conmemoración Día do Libro no mes de abril e das Letras Galegas neste mes de maio, os centros socioculturais puxeron en marcha baixo o hastag #dendeolibroataasletras e #AsletrasnaCasa un variado programa de accións online de animación á lectura que están a contar coa entusiasta participación de veciños/as dos barrios, tanto en familia como de modo individual. O Departamento de Centros Socioculturais agradece esta implicación da veciñanza e anima a seguir participando das iniciativas que a diario se presentan nas súas redes sociais.

#DendeoLibroataasLetras, é un programa de animación á lectura dos centros socioculturais, que comprende dende o 23 de abril ata o 18 de maio, onde se encontran variedade de actividades para desenvolver en familia, sós ou acompañados: recomendacións literarias, creación de librohistorias, recitais poéticos compartidos coa veciñanza, sopas de letras, enigmas, vídeos con artistas... Algunhas mostras poden verse aquí ou aquí.

#AsletrasnaCasa é unha proposta que contén cinco pequenas accións culturais diferentes da man de contadoras, poetas, contacontos, actrices e músicos. Son microactividades culturais que achegan desde a súa casa e que a rede de centros socioculturais traslada a través da web municipal e as redes sociais á cidadanía.

A maiores desta programación, hai un nutrido e variado programa con actividades diversas que poden consultarse no folleto adxunto e entre as que destacan:

- Recital poético de Futuro Condicionado de Carvalho Calero. Se queres participar no recital poético contacta con cssantamarta@santiagodecompostela.gal. Temos un poema para que ti recites. Podes enviarnos un vídeo ou unha gravación de voz co recitado do poema. Ao longo deste días poderás escoitarte nas redes. Anímate!

- Durante o mes de maio seguimos co Libro-historia. Cóntanos unha historia coas portadas dos libros. Selecciona os libros preferidos e cóntanos unha historia que podes gravar e compartir con nós. Podes ver algunha nas redes sociais dos centros socioculturais. Retámosche a que realices a túa cos libros que tes pola casa. Despois, cólgaa no teu perfil co hastag #DendeoLibroataasLetras e reta a todos os que reaccionen a ela. Envíalles esta mesma mensaxe e deixa que o reto se estenda.

Documentos relacionados



Compartir: