ALCALDÍA

O delegado do Goberno comunica ao alcalde a ampliación dos prazos do Xacobeo 2021, que continuará en 2022

15/05/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, mantiveron este venres unha xuntanza telemática, na que este lle explicou ao rexedor a ampliación dos prazos do Xacobeo 2021, que continuarán en 2022. Así o acordou o Executivo en Consello de Ministros, por iniciativa do Ministerio de Cultura e Deporte a través do seu titular, José Manuel Rodríguez Uribes.

Dentro do paquete de medidas vinculadas á pandemia da COVID-19, o Goberno decidiu ampliar os prazos para os grandes eventos previstos como Acontecementos de Excepcional Interese Público, como é o caso do Xacobeo 2021. O Executivo espera así que o seu tirón se prolongue e sirva para axudar á recuperación económica de Galicia nun acontecemento que congrega millóns de visitantes.

A prórroga dun ano deste Acontecemento de Excepcional Interese Público implica que se prorrogan os beneficios fiscais a todos aqueles que contribúan tanto á programación como á difusión do Ano Santo. As deducións son de ata un 90%, as cifras máis altas que pode ofrecer o Estado. Así, o Executivo fomenta a participación do sector privado, pois os beneficios fiscais contribúen a potenciar tanto a aportación de fondos para a realización de actividades como a divulgación da celebración mediante as campañas de publicidade nas que se incorpora o logotipo do acontecemento.

Así o expresou Javier Losada nunha videoconferencia con Xosé Sánchez Bugallo, que agradeceu as xestións do Goberno. No encontro telemático alcalde e delegado do Goberno repasaron os investimentos vinculados ao Camiño de Santiago, que ten na actualidade 24 millóns de euros dedicados á rehabilitación da Catedral, agora con obras na escalinata e na cripta do Obradoiro.

Compartir: