EDUCACIÓN E SEGURIDADE CIDADÁ

Complétase a entrega de equipos de conexión aos centros educativos, aos que tamén se lles reparte material de protección

12/05/2020 A Concellaría de Educación completa hoxe a entrega de equipos de conexión cos que o Concello de Santiago de Compostela pretende paliar a fenda dixital que existe entre o alumnado. Unha fenda que se está facendo máis perceptible coa crise sanitaria, visible sobre todo nos datos de seguimento do actual curso, que os/as escolares teñen que realizar online. Son 50 routers con SIM incorporada; outras 50 tablets, tamén con SIM incorporada; e 40 tarxetas SIM para garantir a conectividade a través doutros equipos móbiles as que se están a entregar nos centros educativos do municipio.

O obxectivo desta iniciativa, que tivo unha moi boa acollida, é paliar as dificultades que poidan ter as familias e garantir que eses menores poidan seguir o curso en liña coa mesma normalidade que os seus compañeiros e compañeiras. Hai 15 días, a Concellaría de Educación enviou unha carta aos centros educativos para coñecer o número de escolares que podían ter máis dificultades, xa que son os propios centros os que fan a selección. En función deses datos, os colexios reciben os equipos e deciden a que alumnado llo entregan. Ademais dos centros, tamén se contactou con asociacións que traballan con menores en tráeas de reforzo educativo.

Segundo explicou a concelleira de Educación, Noa Díaz, "somos un Concello preocupado polos nosos nenos e nenas. Queremos que todos eles poidan rematar este curso escolar nas mesmas condicións que empezaron, e dalgunha maneira contribuír a esa equidade educativa que aínda non existe".

O Concello de Santiago de Compostela, a través da Agrupación de Voluntariado de Protección Civil, tamén está a repartir luvas e máscaras ao persoal dos centros educativos, que están ata o próximo luns co proceso de admisión, recibindo a moitas familias, e precisan ter garantida a súa seguridade. Este material de protección tamén se lle vai entregar ás escolas infantís municipais.

Compartir: