SOLIDARIEDADE

O Concello de Santiago participa na campaña #OsMunicipiosCooperan, impulsada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

12/05/2020 Representantes das administracións locais socias do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e de países lusófonos como Mozambique, Cabo Verde, Guinea-Bissau ou São Tomé e Príncipe únense na campaña #OsMunicipiosCooperan, que busca reforzar a solidariedade internacional no contexto da crise xerada polo Covid-19. O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, participa nos vídeos de lanzamento, que poderán compartirse desde os perfís do Fondo Galego en Facebook e Twitter a partir de hoxe e ata o 25 de maio, Día de África. Faino coa mensaxe de que a cooperación non é prescindible, "é a demostración do noso compromiso humanitario, un compromiso universal", sinala.

Nas súas mensaxes, as e os gobernantes locais poñen en valor a cooperación para o desenvolvemento impulsada polos concellos e deputacións, que terán un papel chave na superación desta grave crise. "O mundo está fortemente interconectado", "non podemos virar as costas ao que acontece no outro extremo do planeta", "só unha resposta global pode vencer o coroavirus, que non entende de fronteiras" ou "a cooperación internacional é agora máis necesaria ca nunca" son algunhas das frases que nos deixan.

Cómpre ter en conta que en moitos países da África lusófona, onde o Fondo Galego concentra os seus proxectos de cooperación ao desenvolvemento, a pandemia actual engádese a epidemias anteriores e a unha situación de crise permanente, que os febles sistemas públicos de saúde e protección social non conseguen frear. En moitos lugares, o confinamento non é viable ou ben pon en risco a seguridade alimentaria de millóns de persoas que viven ao día. Ademais, tanto nos países empobrecidos ou en guerra como nos campos de refuxiados, faise complicado extremar as medidas de hixiene e autoprotección.

Calquera persoa ou entidade pode sumarse á campaña #OsMunicipiosCooperan empregando este hashtag ao publicar as súas mensaxes de apoio nas redes sociais. Alén dos vídeos curtos que se irán lanzando nos próximos días, a iniciativa incorpora outras accións como a recollida de adhesións ao manifesto "Cooperación contra o coroavirus" promovido pola Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad, organización formada por nove fondos do Estado que representan a máis de 1.300 municipios. Está previsto que se emitan catro vídeos. O primeiro, hoxe. E o resto, os días 14, 18 e 20 de maio.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 98 concellos,entre os que se atopa Santiago de Compostela, e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Compartir: