POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS

A concelleira de Educación anima a participar no certame "Enreguéifate 2020"

09/05/2020 A concelleira de Educación, Noa Díaz, anima a todas as persoas a participar no certame Enreguéifate 2020, convocado polos concellos de Santiago de Compostela, Ames, Pontevedra, Rianxo e Teo. Faino cun vídeo no que sae enregueifando xunto ao músico Manolo Maseda, e que se pode ver a través de YouTube.

A cuarta edición deste certame ten como obxectivo apoiar e difundir a regueifa como forma de improvisación oral e contribuír á promoción do uso da lingua galega. A participación concrétase co envío dun vídeo no que, aló menos dúas persoas, aparezan regueifando. Este vídeo pode enviarse ata o 29 de maio, a través do formulario de inscrición que aparece na web do Enreguéifate 2020. No caso dos menores de 14 anos, a inscrición deberá facela unha persoa adulta.

Establécense dúas categorías: unha xeral, para calquera persoa, e outra escolar, para o alumnados dos centros educativos galegos non universitarios. A lingua empregada deberá ser o galego. A temática é libre e a duración do vídeo non poderá exceder dos 3 minutos.

Premiaranse seis categorías: á regueifa máis "brava", na que se valorará o xeito de regueifar máis ousado, garboso, festeiro e divertido; á regueifa máis "aguda", na que se valorará a creatividade e orixinalidade do vídeo, dende un punto de vista estético; á regueifa máis "diversa", na que se valorarán os vídeos nos que haxa máis heteroxeneidade entre as persoas participantes; á regueifa máis "reivindicativa" na que se puntuará a temática crítica ou satírica; á regueifa "mellor cantada" na que se demostre unha mellor entoación, afinación e ritmo musical; e á regueifa "mellor falada", na que se valorará a calidade lingüística.

O proxecto Enreguéifate ten como principal obxecto que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso, a través da experiencia de regueifar, nomeadamente no ámbito escolar. Por iso, aparte do certame regueifeiro, tamén inclúe accións formativas para alumnado e profesorado e un encontro anual de regueifas.

Compartir: