EDUCACIÓN

O Concello cede dispositivos dixitais para que alumnado de Primaria poida rematar o curso sen dificultade

08/05/2020 Co obxecto de que todo o alumnado de Primaria teña acceso ás clases en liña, así como recursos dixitais para poder rematar este curso escolar en condicións de equidade, o Concello de Santiago, a través do seu Departamento de Educación, entregará a comezos da vindeira semana routers, tablets e tarxetas SIM para poder conectarse. "Con esta acción tentamos garantir que non haxa alumnado que por non dispor dos medios axeitados non vaia poder rematar o curso nas mesmas condicións que os seus compañeiros e compañeiras", explica a concelleira de Educación, Noa Díaz.

A Concellaría de Educación requiriulle hai dúas semanas aos centros educativos unha listaxe coas necesidades de conectividade do alumnado. Agora, tendo en conta esa previsión, procederase á entrega en concepto de cesión de 30 tablets e 50 routers propiedade do Servizo de Informática do Concello de Santiago, ademais de 120 tarxetas SIM de 60GB con conexión ata o 30 de xuño, que os centros distribuirán entre o seu alumnado con criterios que dean prioridade ao/á que cursa estudos nos niveis máis altos e que teña algún outro irmán ou irmá en idade escolar.

Unha das consecuencias que a crise da COVID está provocando é "o aumento da brecha nas posibilidades de acceso a un dereito básico como é a educación" e, se ben a Xunta de Galicia se encargou de dotar de equipos as etapas de Secundaria e Bacharelato, existe unha gran cantidade de alumnado –no Concello de Santiago preto de 6.000 persoas- que estuda o ciclo de Primaria e ao que dalgunha maneira tamén se lle está esixindo a continuación do curso a distancia. "Cónstanos que as direccións dos centros e todo o profesorado está a facer un bo traballo, pero a realidade é que para isto é preciso contar con medios telemáticos", apunta Noa Díaz.

Compartir: