PATRIMONIO

O Grupo de Cidades Patrimonio lanza o primeiro vídeo da súa campaña promocional como destinos seguros e próximos

07/05/2020 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade lanza hoxe o primeiro vídeo da campaña promocional dirixida ao mercado español. Trátase dun clip dun minuto, que presenta as 15 Cidades co selo da Unesco como destinos próximos e seguros e espazos de cultura, optimismo e reencontro, baixo as mensaxes "Ciudades Patrimonio Contigo", "Cidades Patrimonio Contigo" e "Ciutats Patrimoni Amb Tu".

Impresionantes imaxes de Toledo, Baeza e Cáceres ao amencer; a beleza dos espazos monumentais de Salamanca ou Segovia, xunto coas experiencias únicas que brindan Tarragona, Ávila ou Córdoba, forman parte do vídeo producido por Readmore Films, onde tamén aparecen recintos culturais de Mérida ou Alcalá de Henares onde conflúen a arte e a historia.

Un vídeo que nos convida a descubrir a singularidade dos cascos monumentais de San Cristóbal de la Laguna, Eivissa ou Úbeba e que nos transmite unha mensaxe de resilencia, esperanza e optimismo, porque pronto teremos a oportunidade de reencontrarnos e de construír novos recordos, tamén en Cuenca e Santiago de Compostela e, en conxunto, nas 15 Cidades Patrimonio da Humanidade.

Dous clips compoñen a primeira campaña e ambos contan coa correspondente versión en inglés para o mercado internacional, que serán distribuídas a través das oficinas de Turespaña en distintos países, contando tamén coa colaboración doutros partners do Grupo.

Esta primeira acción dirixida ao mercado español segue á reunión que mantivo esta mesma semana a Comisión Executiva do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade coa ministra de Turismo, Reyes Maroto -celebrada o luns 4 de maio- e á reunión posterior dos 15 alcaldes e alcaldesas do Grupo coa secretaria de Estado de Turismo, Isabel Oliver, que tivo lugar o mércores 6 de maio.

O presidente do Grupo e alcalde de Eivissa, Rafael Ruiz, destacou que "é moi importante para nós a proximidade da ministra e a secretaria de Estado, a quen solicitei unha promoción diferenciada para as 15 Cidades Patrimonio da Humanidade con marca Unesco, e sabemos que contamos co seu apoio. Este vídeo é un primeiro paso na estratexia de promocionar as nosas cidades como destinos próximos e seguros".

O presidente do Grupo mostrou a súa confianza en que "dentro deste plan, tamén se poida mellorar a conectividade e as frecuencias do transporte, tanto ferroviario, como aéreo e marítimo, dado que consideramos que as facilidades de mobilidade entre os distintos territorios e as Cidades Patrimonio é un factor clave".

Compartir: