POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS

Youtubeir@s publica as bases da edición de 2020

01/05/2020 As persoas interesadas en participar na convocatoria de Youtubeir@s 2020 xa poden descargar as bases da web do certame e ir presentando os seus traballos a través da plataforma de vídeos de YouTube. As entidades organizadoras do proxecto, entre as que se atopa o Concello de Santiago de Compostela, a través do Departamento de Lingua, acordaron facelas públicas para facilitar a participación. Deste xeito, a vitalidade creativa que se está amosando durante o período de confinamento poderá canalizarse e facerse visible para o público a través das obras presentadas.

A convocatoria deste ano incorpora novidades. Unha delas é a modificación e ampliación de categorías, co obxectivo de dar cabida á totalidade de xéneros que se están producindo, e tamén recoñecer un máis amplo abano de cuestións relevantes no fenómeno youtubeiro. Como resultado desta modificación aumenta o orzamento do certame. En concreto, establécense 12 premios, tres deles, os principais, (Canle, Youtubeir@s e Vídeo) dotados con mil euros cada un. E o resto (Calidade lingüística, Impacto, Calidade técnica, Comunicación, Creatividade, Musical, Didáctico, Pioneiro e Do público) con premios de 500 euros.
Todos os traballos inscritos deben estar publicados con data posterior ao 27 de setembro de 2019 na plataforma de vídeos YouTube, sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtuberias #youtubeiros na descrición do mesmo.

O prazo para inscribir no certame eses vídeos e canles que xa se poden ir subindo a YouTube comeza o 27 de maio e remata o 23 de outubro. As persoas interesadas deben formalizar a inscrición a través do formulario que figura na web youtubeiras.gal. Poden participar todas as persoas maiores de 14 anos.

O xurado, composto por cinco persoas, valorará os seguintes criterios: a creatividade, innovación e calidade dos contidos; a creación e mantemento de comunidade; a periodicidade dos contidos; a calidade técnica da peza tanto visual como sonora; a eficiencia comunicativa do vídeo na transmisión do contido tanto oral como visual; a calidade lingüística e a repercusión do contido creado. Cada creador ou creadora pode inscribir tantos vídeos ou canles como desexe, sen límite de duración.

O programa Youtubeir@s ten como obxectivo ampliar o uso do galego na produción audiovisual non profesional que se distribúe polas redes, convidando ás persoas a compartiren contido en galego e a incorporaren a nosa cultura e tradicións a estas canles. Está organizado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Santiago, A Baña, Ames, Moaña, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Teo e O Grove, e as universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, ademais da Deputación da Coruña.

Direcciones relacionadas



Compartir: