CIDADES PATRIMONIO

O Grupo de Cidades Patrimonio aborda un plan de acción promocional dirixido ao turismo nacional

24/04/2020 A Comisión de Turismo do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España reuniuse esta mañá de forma telemática para impulsar un plan de acción de promoción turística, unha vez se poña en marcha a fase de desescalada.

O presidente do Grupo e alcalde de Ibiza, Rafael Ruiz, destacou que "imos lanzar unha campaña para estimular o turismo nacional, no momento no que a evolución da pandemia o permita, sempre seguindo as recomendacións das autoridades sanitarias. Temos claro que 2020 vai ser o ano de redescubrir e desfrutar destinos próximos únicos, como son as 15 Cidades Patrimonio da Humanidade de España". A reunión contou coa intervención da secretaria de Estado de Turismo, Isabel Oliver, quen asegurou que "contamos coas Cidades Patrimonio da Humanidade de España e coas vosas achegas para o plan de relanzamento do turismo".

Rafael Ruiz asegurou que "foi unha reunión virtual moi produtiva na que quedou patente o sufrimento das nosas cidades e tamén a solidariedade de todos coas familias golpeadas pola pandemia e cos sanitarios e todos os colectivos que están en primeira liña desta batalla". O presidente engadiu que "imos superar isto xuntos e a nosa prioridade agora é reinventarnos e definir campañas de publicidade dirixidas ao mercado nacional, en colaboración con Turespaña e coa Secretaría de Estado de Turismo. Xa estamos a traballar para que as nosas cidades volvan brillar e queremos agradecer o apoio do Goberno e de Turespaña para que as Cidades Patrimonio sigan sendo un referente turístico no país e, cando se poida, tamén a nivel internacional".

Nesta liña, lembrou que o Grupo mantivo a súa actividade nas redes sociais, convidando a percorrer as 15 cidades e a coñecer os seus monumentos e recursos de forma virtual, sempre en colaboración con todos os concellos e os seus socios colaboradores. Ademais, púxose en marcha a produción de dous clips promocionais coa produtora ReadMore Films que mostrarán as 15 cidades como destinos de proximidade, baixo a Marca España, e como destinos seguros que van recibir aos viaxeiros cos brazos abertos, en canto nos permitan as autoridades sanitarias e sempre seguindo os plans de desescalada.

Pola súa banda, a secretaria de Estado de Turismo, Isabel Oliver, explicou que "non hai aínda un calendario oficial, pero temos claro que debemos traballar todos xuntos para afrontar a volta a esta nova normalidade nas mellores condicións e, agora máis que nunca, a colaboración público-privada será unha clave importante para a saída desta crise".

Nese sentido, engadiu que "imos contar coas comunidades autónomas, concellos, outros ministerios, sector privado, axentes sociais e organismos internacionais. Un plan que nos vai a involucrar a todos nesta aposta polo futuro, xa que se trata dun plan para recuperar o sector turístico tras este parón forzado, pero tamén para continuar coa transformación do modelo español de sustentabilidade económica, ambiental e territorial. Esta tremenda crise tamén a temos que aproveitar para mellorar a nosa competitividade".

Tras subliñar que o plan do Ministerio de Turismo "vai contar cun protocolo sanitario único fronte ao COVID-19", Isabel Oliver avanzou que Turespaña realizará por primeira vez campañas de promoción dirixidas ao mercado nacional: "Queremos incentivar que os españois coñezamos máis España, fagamos turismo no noso país e movámonos no noso territorio. Temos por diante un importante reto non exento de dificultades, pero eu sei que conto coa colaboración, a experiencia e o traballo das Cidades Patrimonio para sortear estes tempos que nos tocou vivir".

A Comisión de Turismo do Grupo de Cidades Patrimonio repasou o calendario de accións promocionais suspendidas dende marzo a outubro e que incluía accións en mercados emisores internacionais como Alemaña, Francia, Estados Unidos, Canadá e Xapón, que serán reformuladas xunto con Turespaña a medio e longo prazo. Entre os asuntos tratados, abordaron o plan de choque con accións conxuntas con partners como Madrid Destino, Paradores ou o Museo Thyssen para lanzar campañas conxuntas dirixidas ao mercado nacional, así como medidas para acelerar a comercialización de paquetes turísticos exclusivos para o mercado interior, con novos incentivos.

Compartir: