POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS

A Concellaría de Políticas Lingüísticas reprograma as actividades do Espazo Apego que quedaron suspendidas polo confinamento

22/04/2020 A Concellaría de Políticas Lingüísticas está a traballar para que durante o verán e nos meses seguintes se poidan retomar e recuperar todas as convocatorias das actividades que tiveron que ser suspendidas durante marzo e abril. A oferta para estes meses no Espazo Apego, situado no local municipal da rúa da República do Salvador, 12, abranguía diferentes contidos relacionados coa transmisión interxeracional da lingua, o apoio a persoas procedentes doutras comunidades e a promoción social no ámbito socioeconómico.

As persoas inscritas nas actividades, como é o caso do Obradoiro de acollemento lingüístico para cidadanía estranxeira, organizado coa colaboración do Departamento de Migracións e que tiña previsto comezar inicialmente 23 de marzo e xa inicialmente adiado ao 13 de abril coas primeiras medidas, estenderá as súas sesións durante as semanas necesarias para completar as 30 horas de duración, mantendo o mesmo horario (os luns de 17:00 a 19:00 horas).

Ocorrerá así tamén coa actividade "Descubro a lingua creando", que se desenvolve en paralelo co obradoiro de acollemento para facilitar a conciliación ás familias estranxeiras con nenos e nenas ao seu cargo, e na que se lles ofrece asemade un contacto inicial co galego nun contexto lúdico e creativo.

Pola súa parte, as propostas de continuación, nas que se traballa respectivamente co xogo, a literatura e as habilidades orais, recuperarán o seu horario en canto sexa posible, mantendo o mesmo calendario semanal:

• Martes, "Tarde de contos" (de 16:30 a 17:30 para nenas e nenos de 3 a 6 anos e de 18:30 a 19:30 para menores de 3 anos).
• Mércores, "Enredando" (de 16:30 a 19:30 h).
• Xoves, "Enredando" (de 16:30 a 19:30 h).
• Venres, "Xogos de palabras" (de 16:30 a 19:30).

A participación en todas elas é aberta ata completar a capacidade e non precisa inscrición anticipada, polo que as familias usuarias van poder acomodar a súa asistencia segundo consideren conveniente.

En canto aos contidos que tiñan concertada unha data concreta, como eran as charlas prácticas sobre aspectos relacionados coa crianza (coleo, necesidades básicas, sexualidade infantil, seguridade viaria, masaxes para cólicos…) que se ían desenvolver os mércores de marzo e abril ás 17:30 h dentro do bloque de actividades "A miña familia vai á escoliña", estase acordando un novo calendario coas persoas expertas encargadas de impartilas, que se anunciará puntualmente cando estea pechado.

A mesma medida de reprogramación foi acordada para as tres actividades artísticas fixadas no calendario dos xoves 26 de marzo, 16 e 30 de abril (o espectáculo cómico "Saaabor!", de Culturactiva SCG, os "Cantacontos" de Pablo Díaz e Fran Rei co seu "Conto de Barriga Verde). As tres funcións volverán á oferta de espectáculos infantís en galego nos vindeiros meses.

As demais accións previstas polo Departamento de Lingua Galega no Espazo Apego para o período de confinamento, sobre o programa "Coidar para mellorar", que se convoca en colaboración co departamento de Comercio, #galegoempresas ou Fotolingua, todas elas centradas no ámbito socioeconómico, realizaranse de xeito non presencial e na medida do posible cos recursos telemáticos dispoñibles en tanto non se autoricen outro tipo de actividades.

Direcciones relacionadas



Compartir: