XUNTA DE GOBERNO

Unhas 750 familias xa se benefician do uso do tícket especial de compra nos supermercados da cidade

13/04/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, deu conta este luns dos asuntos tratados na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local. Unha das cuestións abordadas foi un informe de situación dos Servizos Sociais en canto ao funcionamento do programa de tícket especial de compra, que permite ás familias máis necesitadas a adquisición de alimentos e produtos de hixiene básicos en hipermercados e supermercados da cidade. A día de hoxe, son unhas 750 familias as que fan uso deste bono de compra.

Segundo explicou Sánchez Bugallo, os Servizos Sociais do Concello xa autorizaran este tícket especial de compra para 729 familias do municipio, pero "estes días recibíronse unhas 30 solicitudes máis, que resolverán esta mañá, polo que estaremos roldando as 750 ou 760 familias beneficiarias". Indicou que "o obxectivo é manter este programa mentres dure esta situación especial, se ben tamén estamos á espera da decisión do Goberno sobre o ingreso mínimo vital".

No marco deste programa de tícket especial de compra, apuntou o rexedor, na Xunta de Goberno de hoxe deuse conta da "sinatura de novos convenios ou duplicación dalgún con cadeas de supermercados como Gadis, Alcampo, Carrefour ou Familia-Eroski".

Lembrou tamén Sánchez Bugallo que, ás familias beneficiarias do tícket especial de compra hai que sumar outras 174 familias ás que se lles distribúe alimentos directamente, os/as 255 nenos/nenas que fan uso do servizo de comedor escolar e o apoio prestado á Cociña Económica.

Adquisición e reparto de material
Na Xunta de Goberno deste luns tamén se autorizou a adquisición de dous termómetros dixitais. "A día de hoxe contamos con catro termómetros, con medición por infravermellos, repartidos entre a Policía Local, a UMAD e os Servizos Sociais, pero necesitamos algún máis e temos solicitado outras 10 unidades", explicou o alcalde. Tamén se aprobou a adquisición de 80 máscaras para o persoal municipal.

Seguindo coa cuestión das máscaras, apuntou que xa hoxe "se están repartindo as 8.000 máscaras hixiénicas facilitadas pola Delegación do Goberno e outras 5.000 entregadas pola Xunta". Indicou que "o obxectivo é manter o reparto no transporte urbano durante toda a semana" e atender algunhas peticións especiais, como a do Mercado de Abastos, ao que se lle facilitarán 500 máscaras para os/as usuarios/as das casetas". A prioridade, insistiu, é "o transporte público e determinados servizos".

Reinicio de obras
Na sesión da XGL tamén se deu conta da situación das obras públicas, paralizadas ata o día de hoxe, pero que se reiniciarán mañá martes, debido a que hoxe é un día inhábil no sector da construción. É o caso das obras de Patio de Madres e Castrón Douro ou dos traballos de mellora de equipamentos deportivos e sociais en Figueiras, no marco do Plan de Obras e Servizos da Deputación. Tamén está previsto que en breve se reactiven as obras de Clara Campoamor.

Sobre esta materia, Sánchez Bugallo anuncio que hoxe ou mañá se aprobará un decreto que dá cumprimento ao ditado polo Goberno do Estado encanto a que tipo de obras se poden realizar. Así, indicou que se reiniciarán as obras en espazos públicos ou edificios singulares. En cambio, en edificios compartidos, só se realizarán obras de urxencia ou emerxencia.

Rehabilitación enerxética
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi o de rehabilitación enerxética de diversas instalacións municipais, por importe de 400.000 euros. Estas actuacións afectarán aos centros socioculturais de Vite, Fontiñas, Santa Marta e Pontepedriña; ao pavillón e ao campo de Santa Isabel; ao pavillón de Roxos; á Casa das Asociacións de Benestar Social, ao edificio Cersia, á Casa das Asociacións de Cornes e ao Centro Ocupacional de Aríns. As intervencións consistirán en pequenas obras de reforma para a implementación de medidas de mellora da eficiencia enerxética par acadar aforros no consumo enerxético.

Voluntariado
Volvendo ao coronavirus e a preguntas sobre a rede de voluntariado, lembrou que o Concello está centrando a súa utilización na atención domiciliaria, con "voluntarios/as que teñen algunha formación e experiencia acreditada", pertencentes a Protección Civil, Cruz Vermella, Cáritas... En calquera caso, o alcalde mostrouse "aberto a estudar perfís que nos poden ser útiles" e "non descartamos o voluntariado a través das asociacións veciñais, pero o que lles pedimos é que sexan moi prudentes e que realicen actividades que non entrañen risco, polo seu ben e polo ben das persoas que están axudando".

Residencias
A preguntas sobre a residencia DomusVi de San Lázaro, Sánchez Bugallo deu conta dos datos facilitados pola Xunta, que falan de 82 positivos entre os 156 internos/a, dos que 18 faleceron, e outros 38 positivos entre o persoal. Indicou que a maioría destas persoas foron trasladadas á residencia da Porta do Camiño. Sen descartar que esta situación "puidera xustificar unha intervención" por parte da Xunta, afirmou que "se o Sergas entende que as medidas adoptadas son a solución idónea, nos respectaremos o criterio dos profesionais".

Avenida de Coímbra
Preguntado polas queixas sobre venda de estupefacientes na avenida de Coímbra, o alcalde afirmou que hai denuncias relativas a esta rúa e a algunha outra "xa con antelación a esta situación". Indicou que se está investigando e que "a Policía presta unha atención diaria" a este tema. Non obstante, explicou que, segundo os datos que ten, os incidentes destes días están máis relacionados "co síndrome de abstinencia e coa falta de venda nestes días".

Agradecemento e seguimento da mobilidade
Como en cada rolda de prensa, o alcalde aproveitou para agradecer "a todos cidadáns e institucións a súa colaboración, que fai posible que, nun escenario tan complicado como o actual, as cousas se estean levando cunha normalidade relativa e bastante pacífica". Finalmente, indicou que se vai realizar un seguimento diario da evolución do volume de tráfico, porque "a miña impresión persoal é que esta mañá se produciu un incremento significativo". En función desa evolución da circulación privada e tamén do uso do transporte publico, "iranse adoptando as medidas que procedan", concluíu.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: