XUNTA DE GOBERNO

O Concello destinará 3 millóns de euros ao paquete de medidas para a reactivación económica da cidade tras a crise sanitaria

06/04/2020 A Xunta de Goberno Local abordou na súa sesión ordinaria deste luns un borrador das medidas que porá en marcha o Concello para a reactivación económica da cidade tras a crise sanitaria do COVID-19. Este mesmo mes de abril activaranse as primeiras accións deste paquete de medidas, destinadas a comerciantes, autónomos e pequenas empresas. O orzamento total para estes programas será duns tres millóns de euros.

Entre estas medidas, tal como indicou o alcalde, figura un plan de reactivación do comercio local, que contará con varios tipos de programas: accións de concienciación e comunicación; unha convocatoria de axudas para pagar xuros e gastos de "créditos que moitos comercios están tendo que contraer"; un programa de axudas á innovación e un servizo de atención e asesoramento en liña.

Sánchez Bugallo apuntou que estas medidas se porán en marcha ao longo deste mes de abril. "Unha parte delas irán con cargo ao orzamento de 2020, e outra parte haberá que complementala con modificacións orzamentarias ou co superávit, de producirse a autorización do Estado para destinalo tamén a este fin". Sobre isto, lembrou que hai unha petición formal da FEMP e espera que "o Goberno sexa sensible e rápido e teñamos unha contestación nos próximos días".

Tamén en relación co comercio, o alcalde adiantou que "estamos preparando un outlet moi amplo para o final da primavera. En calquera caso, dado que "non temos garantido a día de hoxe que se poida facer en primavera", indicou que se valorará co sector "se o temos que deixar para setembro". O obxectivo deste mercado será o "darlle saída aos stocks que compraron os empresarios da temporada primavera-verán e aos que lle necesitan dar saída".

Promoción económica
Outro paquete de medidas –anunciou o rexedor, están relacionadas coa promoción económica, incluíndo programa de desenvolvemento empresarial, estudios e traballos de orientación nesta nova etapa tras a crise, medidas de apoio a través de Uninova e un programa de axudas para pago de intereses (semellante ao do comercio) para autónomos e pequenas empresas. Sobre este programa, explicou que terá un crédito inicial de 100.000 euros con cargo ao orzamento 2020, pero que a intención é amplialo ata os 300.000 euros. Tamén se referiu á ampliación do convenio coa Cámara de Comercio para canalizar a través da mesma as tarefas de asesoramento, sumando outros 50.000 euros á partida inicial polo mesmo importe.

Emprego
En materia de creación de emprego, está prevista a posta en marcha de programas de cualificación profesional, nos que se apostará prioritariamente polos cursos online. Ademais, manterase o Talentia Summit e os programas de contratación directa, maioritariamente conveniados coa Xunta, por importe de 1,4 millóns de euros. O Goberno municipal tamén destinará 300.000 euros a subvencións á contratación directa.

O alcalde cifrou o orzamento necesario para todas estas medidas de activación económica en tres millóns de euros, dos que "algo máis de dous irían a cargo aos orzamentos de 2020, que habería que suplementar con outro millón de euros con cargo ao superávit ou mediante modificacións orzamentarias". En calquera caso, para a posta en marcha destes programas neste mesmo mes de abril, formulou a posibilidade de utilizar créditos ampliables, de xeito que "tamén en función da demanda real, logo poidamos suplementar partidas".

Propostas fiscais
Na Xunta de Goberno tamén se falou das medidas fiscais tamén para facer fronte á crise do coronavirus. O alcalde indicou que se levarán a un pleno extraordinario ao longo deste mes de abril. Entre as medidas citou as relativas ás terrazas do sector hostaleiro, as destinadas a actuar sobre determinados recibos, como o do lixo, e a modificación de prazos noutros tributos.

Asesoramento en materia de aluguer
En resposta a unha pregunta xornalística, Sánchez Bugallo anunciou a posta en marcha con varias empresas de asesoría dun servizo de asesoramento para inquilinos e propietarios. Indicou que atenderá máis aspectos que a negociación entre os mesmos e que "non é contraditorio" co servizo de mediación que puidera prestar o Colexio de Avogados.

Proxeccións
Preguntado neste caso polas proxeccións sobre un edificio en Concheiros, o alcalde afirmou que "é un tema no que me sorprende a importancia que se lle deu". Referiuse á existencia de "queixas de veciños que se senten molestos por determinado tipo de mensaxes", pero apuntou que o exercicio da liberdade de expresión debe ser respectado, e se todos nos esforzamos un pouquiño en ser coidadoso coas mensaxes, non pasa nada".

Outras cuestións da Xunta de Goberno
Entre os asuntos tratados na Xunta de Goberno deste luns volveu haber suspensións de contratos que, debido á crise, non se están prestando, e ordes de continuidade doutros, como é o caso do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria, que presta Urbaser. Lembrou o alcalde que o contrato finalizaba en abril, pero que deberá seguir prestando este servizo.

Ademais, aprobouse proxecto de substitución do céspede sintético e do peche perimetral do campo de fútbol das Cancelas, cun orzamento, IVE incluído, de 439.998,72 euros.

Agradecemento á cidadanía
O alcalde comezou e rematou a súa intervención agradecendo á cidadanía o seu comportamento, que "na maioría dos casos é exemplar" e desexándolle "moito animo a todos". Tamén destacou o esforzo que está facendo a Administración local para "atender a demanda social". Puxo como exemplo disto os 300 nenos e nenas que seguen facendo uso do servizo de comedor escolar, as case 600 familias beneficiarias dos tíckets especiais de compra ou o programa de acollida para persoas sen teito no Seminario Menor de Belvís.

Sobre este último punto, indicou que se lle solicitou ao Arcebispado o incremento do número de camas. Resaltou igualmente que, entre os/as usuarios/as deste servizo, "máis do 80% non son de Santiago e máis da metade non teñen ningunha relación especial con Santiago, pero están en Santiago e temos que atender esta necesidade, porque non poden seguir na rúa". Ademais, expresou a súa sorpresa porque "moitos deles chegaron despois da entrada do estado de alarma".

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: