CONSORCIO

A obra de adecuación da ala sur de San Domingos de Bonaval párase debido á situación de alerta sanitaria

02/04/2020 A obra de adecuación da ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval para uso do Museo do Pobo Galego, promovida e dirixida polo Consorcio de Santiago, xa leva varios meses en marcha. Esta semana tiveron que deterse as obras debido ao novo decreto que obriga a paralizar todas as actividades non esenciais.

Os arquitectos da Oficina Técnica do Consorcio responsables deste proxecto son Idoia Camiruaga e Ramón Fernández Hermida. Salientan que ata o momento instaláronse xa todas as sondas de xeotermia e conectáronse para conducir o fluído á arqueta de entrada ao edificio. Está montada a parte de madeira da estrutura mixta na coxía principal e no corredor e, tamén, os conectores en toda esa área. A coxía posterior está preparada para recibir a madeira en canto se reinicien as obras. Nese intre ensaiarase a estrutura co equipo da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural da Universidade de Santiago.

Os arquitectos explican que, ao mesmo tempo, se foi avanzando coas instalacións de electricidade, seguridade, detección, datos… así como nas relativas a incendios e climatización. "Tamén se estaban a realizar mostras de carpinterías interiores, mentres que as exteriores vanse restaurar na súa maioría", indican.

Por outro lado, ían comezar as obras na cuberta, en particular a renovación da tella. "Nestes intres non se pode eliminar o fibrocemento con amianto, pois está prohibido empregar os equipos de protección individual para calquera actividade que non sexa do sector sanitario. Estas obras realizaranse á volta, por tramos ou fases", sinalan.

Estase a traballar ademais na adaptación do novo ascensor de alta capacidade que se vai instalar no edificio. E estábase a rematar a xestión para a colocación do acabado do chan, en linóleo.

Así mesmo, fíxose un levantamento en 3D do edificio nas súas diferentes fases, en especial unha vez eliminados os acabados, para realizar unha lectura de paramentos, á procura do coñecemento da historia construtiva do edificio. Ao mesmo tempo, fóronse realizando as sondaxes arqueolóxicas e tomando mostras dos morteiros históricos das fábricas. O levantamento 3D utilizouse para o replanteo da estrutura da cuberta e no futuro servirá, ademais, para poder realizar visitas virtuais ao edificio unha vez acabadas as obras.

Compartir: