XUNTA DE GOBERNO

O Concello xa atende de xeito directo a máis de 2.300 persoas do municipio

30/03/2020 A Xunta de Goberno celebrada este luns adoptou diversas medidas en relación coa crise do Covid-19 e deuse conta doutras xa postas en marcha. Entre estas medidas, o alcalde destacou a posta en marcha este mesmo luns dos tickets especiais de compra, que xa hoxe poden recoller unhas 400 familias para mercar alimentos e produtos básicos en varias tendas de barrio e cadeas de supermercados.

Sánchez Bugallo explicou que o pasado venres eran xa 532 familias, formadas por 1.294 persoas, as que xa solicitaran, coa validación dos Servizos Sociais, estes tickets especiais de compra. O alcalde indicou que esta cifra superou as previsións e cre que nestes días seguirá medrando a cifra de familias solicitantes a través do teléfono 010. Lembrou que a través destes bonos, a familias teñen unha alimentación "de calidade", xa que permiten comprar alimentos frescos, fronte aos paquetes de comida que se seguen entregando e que só conteñen produtos non perecedoiros.

A esta cifra de 1.294 persoas, o rexedor sumou os/as 265 nenos/as que reciben a súa comida a través do servizo de comedor escolar, as 235 persoas atendidas pola Cociña Económica, as máis de 300 que reciben a atención domiciliaria e as outras 300 persoas que reciben regularmente paquetes de comida. Por iso, cifrou en máis de 2.300 as persoas que neste intre están recibindo atención directa do Concello. "Temos a necesidade e a obriga de que ningunha persoa de Santiago quede desasistida nunha situación como esta", indicou. Situou o custe extraordinario que estas medidas de atención supoñen para as arcas municipais entre os 50.000 e os 60.000 euros semanais.

En calquera caso, reiterou a súa petición de colaboración cidadá para "algo tan sinxelo como chamar por teléfono e interesarse pola situación das persoas que viven soas e en dificultades. Necesitamos ese apoio da cidadanía para cubrir espazos a onde non ten capacidade de chegar a Administración pública". Neste sentido, recordou que segue á disposición da cidadanía o teléfono 010, en horario de 8:00 a 20:00 horas.

Neste punto, o alcalde aproveitou para agradecer o traballo de voluntariado que se realiza a nivel individual ou dende algunhas entidades, pero tamén a necesidade de que estas persoas teñan a debida preparación e o equipamento necesario para atender determinadas situacións.

Redución do transporte urbano
Outra medida adoptada pola Xunta de Goberno desta mañá, a proposta de Tussa, foi a redución da oferta do transporte publico ata o 32%. Esta decisión supón unha nova baixada na prestación do servizo, tras reducirse o servizo hai dúas semanas ao 52%.

De tódolos xeitos, explicou o rexedor, "a oferta segue sendo moito maio que a demanda, que a pasada semana caeu un 92%. Con todo, dixo, optamos por "asegurar un servizo mínimo e por manter os servizos aos hospitais, que se manteñen no 100%; o resto pasa a un 32%".

Tamén en materia de mobilidade, a Xunta de Goberno aprobou o acordo subscrito con dúas asociacións de taxistas da cidade para ampliar o servizo de bonotaxi. Tamén se xestionará a través do 010 e está destinado a aquelas persoas con especiais dificultades de mobilidade ou que precisen desprazarse por razóns médicas.

Reducións no mantemento de parques e xardíns
O Goberno local tamén deu o visto bo a unha modificación no servizo de mantemento de parques e xardíns, reducindo o traballo habitual ao 50%, "de tal xeito que se poidan mellorar condicións de seguridade dos operarios e operarios do servizo", indicou o alcalde. Este traballo será recuperado máis adiante.

Suspensión de obras
Ademais, Sánchez Bugallo anunciou que as obras municipais quedan paralizadas. Unicamente permanecerá activo un retén para conservación e mantemento da Brigada de Vías e Obras e outro retén da empresa responsable da conservación de pavimentos das calzadas.

Velorios e funerais
Finalmente, recollendo o disposto no novo decreto do Ministerio de Sanidade publicado hoxe, o Concello aplicará o disposto nesta norma en relación a funerais e velorios, con maiores restricións que as impostas no seu día polo propio Concello. Así, o decreto só autoriza tres persoas en tanatorios e funerais.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: