XUNTA DE GOBERNO

As familias en situación de vulnerabilidade poden acceder a tíckets especiais de compra nos principais supermercados da cidade

25/03/2020 A Xunta de Goberno Local celebrou este mércores unha sesión extraordinaria, na que avaliou a crise sanitaria do COVID-19 e na que se adoptaron diversos acordos de validación de contratos de emerxencia en relación a esta situación. Entre eles, ratificáronse os contratos de subministración de produtos de alimentación e de hixiene básica con varios supermercados da cidade. Deste xeito, as familias que o precisen poden facer uso destes tíckets especiais de compra nos establecementos adheridos a esta campaña de emerxencia, que estarán debidamente identificados. As persoas que o precisen poden obter estes tíckets chamando ao teléfono 010.

En concreto, o Concello xa subscribiu estes acordos coas empresas Alcampo, Día, Froiz, Gadis, El Corte Inglés e Vego-Eroski, pero continúanse as conversas con outras firmas para que tamén se poidan incorporar a esta modalidade de subministración. Nestes establecementos, as familias en situación de vulnerabilidade poderán facer uso de tíckets especiais de compra por valor de 50 euros quincenais no caso de unidades familiares de 1 ou 2 persoas, e de 50 euros semanais no caso de unidades con 3 ou máis integrantes. As persoas que o precisen poden obter estes tíckets chamando ao teléfono 010.

O Concello tamén quere que se incorporen a este sistema establecementos máis pequenos de barrio, polo que se está a buscar unha fórmula para eles, en base a un pago anticipado, de xeito que poidan presentar facturas diarias ou semanalmente, que lles serían abonadas sen esperar á tramitación. Nas cadeas de supermercados a liquidación realizarase mensualmente.

Para o alcalde, con estes establecementos e con algún máis que se poida incorporar, "está cuberto un ámbito bastante amplo, sobre todo no ámbito urbano, pero esperamos tamén que se incorporen barrios e parroquias do rural", porque "o obxectivo é ofrecer as maiores facilidades aos/ás usuarios/as".

A RELACIÓN DE ESTABLECEMENTOS NOS QUE SE PODE FACER USO DOS TÍCKETS ESPECIAIS DE COMPRA PODE CONSULTARSE NO DOCUMENTO ADXUNTO

En calquera caso, lembrou Sánchez Bugallo que, mentres non se habilitaron estes bonos sociais de compra, se lles estivo facilitando ás familias caixas con todo tipo de alimentos e que "non hai ninguén sen asistir". Así, apuntou que "onte unicamente quedaron sen repartir as caixas de sete familias simplemente porque non había ninguén nos domicilios indicados". Ademais, destacou a dispoñibilidade dunha boa reserva de alimentos en entidades como o Banco de Alimentos ou a sociedade San Vicente de Paul.

Tamén anunciou o alcalde que o Concello procedeu a abrir unha conta inicial de 6.000 euros para a adquisición de medicamentos para persoas en situación de vulnerabilidade ou exclusión social.

Servizos de emerxencia
Na Xunta de Goberno extraordinaria tamén se ratificaron outras contratacións relacionadas coa crise sanitaria do coronavirus, como a do servizo de seguridade nas habitacións alugadas no Seminario Menor, por un importe de 17,91 euros/hora; o servizo desinfección de instalacións municipais, por 35.690 euros; o servizo de desinfección e limpeza de vehículos municipais, por 24,20 euros por vehículo, ou o servizo de desinfección da Praza de Abastos, por 4.325 euros (todas estas cantidades co IVE incluído). A propósito desta última, o alcalde indicou que a desinfección de todas as naves se realizou esta pasada noite.

O Goberno local tamén aprobou a adquisición de 2.000 pares de luvas, que serán destinadas a Policía Local, Bombeiros, Protección Civil e outros servizos municipais. A propósito desta cuestión dos materiais e a unha pregunta dunha xornalista, Sánchez Bugallo recoñeceu que "todos nos movemos con enorme precariedade de medios, pero nestes momentos dispoñemos de guantes, traxes de protección -non son o modelo recomendado de EPI, pero sérvenos-, e dispoñemos de máscaras de respiración". Explicou que "unha parte do material conseguímolo como puidemos e por onde puidemos, non de ningunha administración, senón a partir de axuda privada, médicos, comunidade chinesa... e noutros casos comprándoo". Apuntou que está previsto recibir o venres 4.300 máscaras.

Continuidade de servizos
A XGL tamén deu ordes de continuidade para varios servizos: mantemento do Castelo da Rocha, servizo de axuda no fogar, mantemento e reparación de instalacións térmicas do Concello, prevención de riscos laborais, actualización do catastro, asesoramento e actualización na inspección fiscal, radiocomunicación trunking de voz e datos, conservación e nova implantación de sinalización horizontal e vertical, e execución de obras diversas de conservación, mantemento e reparación de pavimentos nos viarios.

"Con estas validacións –indicou o alcalde- xa está garantida a continuidade de máis do 90% dos contratos, asegurándonos así que os cidadáns sigan recibindo estes servizos e ao tempo o mantemento do emprego. Unicamente queda unha pequena porcentaxe pendente que se está axustando cos respectivos servizos municipais".

Orzamento 2020
Preguntado pola posible modificación das contas de 2020, pendentes de aprobación definitiva, para atender a situación xerada pola crise sanitaria, o alcalde indicou que "temos seguir adiante o procedemento aprobación orzamento 2020. Antes de revisalo, temos que garantir que teñamos o orzamento, porque é imprescindible para atender os servizos que se están plantexando". Deu por seguro que "se farán modificacións orzamentarias, pero para modificar, primeiro hai que ter algo que modificar.

Neste sentido, puxo como exemplo un programa de medidas de apoio ao pequeno comercio no que está traballando o Goberno municipal, para o que "necesitamos un mínimo de 350.000 euros", pero para dispor deles "necesitamos aprobar os orzamentos". Aproveitou o alcalde para expresar a súa preocupación polos efectos desta crise no pequeno comercio, porque "a cidade será distinta se, cando isto remate, unha parte do noso comercio non abre".

Sobre os prazos para aprobar definitivamente os orzamentos, o alcalde referiuse á posibilidade legal de que, en base ao interese xeral, non se interrompan os prazos. Indicou que xa falou co resto de grupos municipais, entre os que atopou "boa dispoñibilidade". "Se é necesario convocaremos un pleno a semana que vén, buscando as fórmulas para cumprir as normas de seguridade", explicou, poñendo como exemplo as xuntas de goberno, que están sendo mixtas, con asistencia presencial e telemática.

Tamén en relación ás contas é á posibilidade de destinar parte do superávit a paliar esta crise, indicou que "depende da habilitación legal" do Ministerio de Facenda, xa que se permite destinar parte deste superávit a cuestións sociais, pero cunhas limitacións específicas.

Sancións
No capítulo de sancións polo incumprimento do estado de alarma, os datos actualizados ofrecidos polo alcalde falan de 62 propostas de sanción efectuadas pola Policía Local. Ademais, realizáronse 508 identificacións de peóns ou vehículos.

Agradecemento
O alcalde aproveitou a súa intervención para agradecer a "extraordinaria colaboración da maioría da cidadanía e a inmensa dedicación dos profesionais da sanidade, dos servizos sociais e dos servizos de emerxencia, porque grazas a eles/as todos/as os/as que o precisan están recibindo a atención que necesitan e a vida cidadá está transcorrendo con tranquilidade".

Direccións relacionadas



Compartir: