MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ

A Policía Local tramitou ata agora 53 propostas de sanción por incumprimento das medidas do actual estado de alarma

24/03/2020 Dende o pasado 16 de marzo e ata onte luns, a Policía Local realizou 53 propostas de sanción por incumprimento das condicións de mobilidade establecidas polo Real Decreto 463/2020, polo que se establece o estado de alarma. Estas persoas sancionadas enfróntanse a multas que van dende os 601 aos 30.000 euros, por infraccións graves da Lei de Seguridade Cidadá.

Ademais, a Policía Local identificou un total de 82 persoas e inspeccionou 312 vehículos nos controis realizados en diferentes puntos da cidade, ben en inspeccións propias como noutras realizadas en colaboración con outros corpos policiais.

A casuística dos incumprimentos do estado de alarma que motivaron as propostas de sanción é diversa. Entre os/as viandantes, houbo circunstancias como a dunha persoa vista camiñando a primeira hora da mañá (afirmando dirixirse a unha froitería) e vista unha hora despois pola mesma dotación noutra rúa a dous quilómetros. Outra persoa foi sancionada por negarse a marchar ao domicilio baixo os efectos do alcohol e tras rexeitar asistencia sanitaria por lesións na cara.

En canto a condutores/as, resultou curioso o caso de dous vehículos implicados nun accidente de tráfico sen feridos. Ningún dos seus condutores (procedentes de poboacións relativamente afastadas de Santiago) puido xustificar o motivo da súa circulación por estrada, polo que se propuxo para sanción a estes dous condutores e un ocupante. Tamén se sancionou a outro condutor por circular sen xustificación, co agravante de que deu positivo no control de alcoholemia.

Todas estas propostas de sanción son remitidas pola Policía Local á Subdelegación do Goberno, que é o órgano encargado da súa tramitación e da imposición das multas correspondentes.

Compartir: