ALCALDÍA

Medidas adoptadas polo Concello de Santiago para a prevención do coronavirus

12/03/2020 Co obxectivo de frear o avance do COVID-19, o Concello de Santiago tomará as seguintes medidas provisionais, á espera de coñecer os acordos ao respecto do Consello de Ministros e da publicación das instrucións da Xunta de Galicia:

CULTURA
- Interrómpese a actividade escénica de todos os seus espazos – Auditorio de Galicia e Teatro Principal– co fin de prever a saúde das e dos espectadores, incluídas as representacións previstas para hoxe.

O peche terá lugar durante os próximos 15 días naturais a partir da data de hoxe sen prexuízo das posibles prórrogas que se poidan acordar de aquí en diante polas autoridades sanitarias.

Nas próximas horas tentarase en primeiro lugar adiar os eventos e actividades culturais afectadas. De non ser posible por cuestións de calendario e axenda, estas serán suspendidas. A modificación da data ou a suspensión serán comunicadas polas canles habituais.

PARA A DEVOLUCIÓN DAS ENTRADAS:
. De ser posible cambio de data para as funcións, a / o espectador pode manter as súas localidades.
. En caso de suspensión definitiva das función:
Para as entradas mercadas en compostelacultura.gal, unha vez comunicada a suspensión procederase ao reembolso de forma automática, na mesma conta da tarxeta coa que se fixo a operación.
Para as entradas mercadas na billeteira do Teatro Principal a devolución farase na propia billeteira, unha vez finalizadas as medidas de restrición. Unha vez rematado o período de restrición comunicarase os días dispostos para a devolución.
ABONADAS/OS RFG: Unha vez rematadas as medidas de restrición, procederase a contactar con todas e todos os abonados para proceder aos reembolsos oportunos.
ACTIVIDADES REALIZADAS POR OUTROS PROMOTORES NAS INTALACIÓNS MUNICIPAIS: tamén quedan suspendidas as actividades realizadas por outros axentes nas instalacións municipais.

DEPORTES
- Suspéndense todas as actividades organizadas polo Concello a partir de mañá, así como aqueles eventos organizados por entidades alleas en instalacións municipais.

EDUCACIÓN
- Péchanse as escolas infantís de xestión municipal (Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños) a partir do luns. Non obstante, recoméndase, na medida do posible, non levar os nenos e nenas á escola xa dende o día de mañá.
- Suspéndense as actividades previstas nos equipamentos municipais, como a Escola municipal de Música, dende mañá.

IGUALDADE
- Aprázanse ata nova data todas as actividades organizadas polo Departamento, nomeadamente as previstas dentro do programa con motivo do 8M Artellando feminismo.

CENTROS SOCIOCULTURAIS
- Quedan tamén en suspenso todas as actividades organizadas nos centros socioculturais dende mañá (programación Imos de excursión, bailes de maiores, roteiros organizados, etc). Os centros quedarán abertos para ofrecer información, pero prégase facer uso do teléfono antes que achegarse de forma presencial.

SERVIZOS DE ATENCIÓN SOCIAL E SERVIZOS MUNICIPAIS
- Non se suspende a actividade municipal nin as citas previstas nos servizos do Concello, pero adoptaranse as medidas pertinentes para evitar a concentración de persoas.
- Prégase á cidadanía que realice as súas consultas de forma telemática e telefónica, e que acuda presencialmente só en casos imprescindibles.

Mañá, venres 13 de marzo, terá lugar unha nova Xunta de Goberno local extraordinaria na que se continuará analizando a situación en función das medidas adoptadas polo goberno central e a Xunta de Galicia.

Compartir: