IGUALDADE

A concelleira Noa Díaz aposta por sumar esforzos para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria na inauguración da xornada "Mulleres con discapacidade ante a violencia".

10/03/2020 A concelleira de Igualdade, Noa Díaz, participou hoxe na inauguración da xornada "Mulleres con discapacidade ante a violencia. Estamos protexidas?", organizada por CERMI Mujeres, con motivo do Día Internacional da Muller. Na súa intervención, Noa Díaz apostou por sumar esforzos para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria. "Debemos seguir co noso compromiso de loita contra esas desigualdades que se perpetúan de maneira silente e invisible", que "esixen de nós a maior dilixencia e celeridade se queremos construír unha sociedade máis xusta, na que se teñan en conta as particularidades, tanto individuais como colectivas".

Noa Díaz sinalou que "a violencia contra as mulleres pode ser exercida de múltiples maneiras, sendo o asasinato a violencia máis extrema". Pero tamén é violencia, engadiu, "a sanción social da maternidade nas mulleres con discapacidade intelectual ou a menor liberdade para a toma de decisións sobre a súa imaxe persoal". E continuou, "a violencia no so é unha realidade frecuente no caso das mulleres con discapacidade, senón que en moitas ocasións é a causa mesma da discapacidade".

Para a concelleira de Igualdade, "son necesarias xornadas como esta", e tamén "posicionamentos en políticas claras que poñan de manifesto e dean cobertura ás múltiples e diversas manifestacións das violencias que se exercen contra as mulleres, nomeadamente coas que teñen algunha discapacidade". Na súa opinión, "a perspectiva de xénero debe orientar e integrar transversalmente cada unha das áreas de traballo con mulleres con discapacidade, de maneira que se cubran, de forma práctica, todos sos ámbitos que este colectivo precisa".

A xornada "Mulleres con discapacidade ante a violencia. Estamos protexidas?", celébrase na Casa das Asociacións de Benestar Social e está organizada polo Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia. Ademais de Noa Díaz, na inauguración interviron a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa da Xunta e secretaria xeral de Igualdade por delegación, Natalia Prieto; e o presidente de CERMI Galicia, Iker Sertucha.

Compartir: