EDUCACIÓN

XIII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados

01/03/2020 O Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela e Kalandraka Editora convocan o XIII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, cunha dotación económica única de 9.000 euros. Ante a pandemia mundial de COVID-19, prorrogáse o prazo de envío de obras ata o 15 de xuño. A organización anima a autores/as e ilustradores/as a seguir coa elaboración das súas propostas creativas seguindo as pautas establecidas nas bases de participación.

Ao XIII Premio Internacional Compostela poden optar autores e ilustradores de calquera nacionalidade con obras orixinais e inéditas, escritas en calquera lingua oficial da Península Ibérica. As persoas interesadas en participar no certame deberán enviar cinco copias do texto, tres ilustracións orixinais e cinco fotocopias en color de cada unha delas, xunto cunha maqueta acabada de todo o proxecto.

Os proxectos poderán presentarse en calquera tamaño, técnica e formato; a extensión non deberá superar as 40 páxinas interiores (sen contar gardas nin cubertas). O material, asinado baixo lema ou seudónimo, e cos datos persoais dos participantes incluídos nun sobre pechado, enviarase ao Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende nº 4, 15705 Santiago de Compostela).

Kalandraka publicará a obra premiada nas cinco linguas oficiais peninsulares —galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués— en novembro de 2020. A editorial poderá publicar tamén os traballos que reciban unha mención especial. O xurado estará formado por profesionais de recoñecido prestixio no eido da literatura e da ilustración infantil.

As bases completas de participación no XIII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados poden consultarse nos documentos adxuntos e nas páxinas web de Kalandraka.

Compartir: