TURISMO

Sindo Guinarte recibe un grupo de peregrinos/as de Durham, o primeiro desa área en realizar o Camiño inglés en case cinco séculos

07/03/2020 O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, recibiu hoxe na praza do Obradoiro un grupo de 14 peregrinos/as procedente do condado de Durham e de Newcastle, en Inglaterra. Son os/as primeiros/as peregrinos/as católicos/as desta área que percorren o Camiño inglés en case 500 anos, despois da prohibición decretada polo rei Enrique VIII no século XVI.

Comezaron o seu percorrido na abadía de Finchale, o lugar onde comeza o Camiño inglés, e despois de percorrer algúns tramos en Inglaterra, o pasado 1 de marzo chegaban a Galicia. O día 2 saían de Ferrol, e hoxe chegaban á meta, a praza do Obradoiro, acompañados/as dunha guía da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, impulsora desta ruta xacobea.

Despois de dar a benvida ao grupo e de saudar os seus integrantes, Sindo Guinarte sinalou que o Camiño Inglés "é un dos camiños que máis se está revitalizando". Engadiu que "dende o Concello estamos encantados de recibir estas persoas procedentes de Inglaterra e de por en valor e facer patente a nosa vontade acolledora". O concelleiro de Turismo finalizou sinalando que, tanto este ano como o que vén, posiblemente esta ruta xacobea incremente "notablemente o número de persoas que a percorren".

Compartir: