ALCALDÍA E MOBILIDADE

Máis de 1.400 escolares pasarán polo Parque de Educación Viaria de Amio durante marzo e abril

03/03/2020 O Parque de Educación Viaria instalado no recinto feiral de Amio recibirá nestes meses de marzo e abril a visita de 1.450 alumnos/as de 25 centros educativos de Compostela. O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e os concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, e de Educación, Noa Díaz, visitaron esta mañá unha destas sesións prácticas nas instalacións.

Durante o mes de marzo pasarán polo Parque de Educación Viaria de Amio 750 alumnos/as dos últimos cursos de Educación Infantil, mentres que no mes de abril será a quenda para outros/as 700 escolares de 6º de Primaria. Pertencen aos seguintes centros educativos: A Milagrosa, Casas Novoa, Compañía de María, Divino Maestre, Fontiñas, Inmaculada, La Salle, Lamas de Abade, López Ferreiro, Peleteiro, Monte dos Postes, Nosa Señora dos Remedios, Pío XII, Quiroga Palacios, Raíña Fabiola, Ramón Cabanillas, Rodríguez Xixirei, Roxos, San Jorge, San Paio-Enma, San José de Cluny, Santa Apolonia, Vilas Alborada, Vite e Xuventude.

Cada grupo recibe unha parte de formación teórica, e logo unha práctica no propio Parque, pintado de forma permanente na nave A do recinto feiral de Amio e que ocupa un espazo de máis de 1.200 metros cadrados. A instalación conta con todos os elementos necesarios para que os rapaces e rapazas se familiaricen coas normas de circulación e cos sinais de tráfico, e tamén para que coñezan as habilidades básicas para moverse polo espazo urbano como peóns/oas, ciclistas ou condutores/as. Para iso, ademais da sinalización horizontal, no parque hai semáforos e sinais verticais, nun circuíto que se pode percorrer a pé, en bicicleta, en karts a pedais ou patinetes.

Programa de Educación Viaria
Estas sesión en Amio enmárcanse no Programa de Educación Viaria da Policía Local, que inclúe diversas accións formativas ao longo do curso e con alumnos/as de diferentes idades. Así, entre outros, neste curso participan 520 alumnos/as de 3º de ESO, ou 640 escolares de 1º de Bacharelato, estes últimos próximos condutores, que se forman no programa "Ti controlas, ti decides".

Esta formación nos colexios e institutos compleméntase coas sesións en centros de educación especial, cunhas 175 persoas participando no programa "Vivimos as mesmas realidades". Tamén se leva a educación viaria aos/as maiores nos centros socioculturais.

Compartir: