MEDIO AMBIENTE

O proxecto "Descarboniza! Que non é pouco inicia a súa terceira edición"

18/02/2020 A concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, e Miguel Pardellas, en representación do Grupo de Investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC, que desenvolve o proxecto, presentaron as novas iniciativas en rolda de prensa. As actividades desenvolveranse nos centros socioculturais da Rocha, Bornais, Cardeal Quiroga, Conxo, Pontepedriña, Santa Marta, Sar e Vite.

Na súa terceira edición no Concello de Santiago, o Proxecto "Descarboniza! Que non é pouco…", deseñado polo Grupo de Investigación SEPA (Pedagoxía Social e Educación Ambiental), da USC, retoma o traballo cos grupos participantes, apostando novamente pola innovación educativa e a capacitación da cidadanía para enfrontar os desafíos do cambio climático.

Despois da positiva avaliación do curso pasado, cando se traballou tamén en 8 centros socioculturais, no 2020 o proxecto repetirá intervención na Rocha, Bornais, Santa Marta, Sar e Vite, iniciándose en paralelo por vez primeira en Cardeal Quiroga, Conxo e Pontepedriña.

Nesta ocasión, o proxecto buscará a implicación directa das participantes no desenvolvemento de accións a nivel comunitario (barrio ou parroquia), manexando unha dimensión interxeneracional para sensibilizar e concienciar ao maior número de persoas na necesidade de cambiar os nosos estilos de vida e reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro. Deste xeito, o proxecto explora novamente outras formas de facer e de organizarse fronte aos impactos do cambio climático, impulsando e avaliando novas actividades e iniciativas.

Como no pasado curso, serán as educadoras dos centros socioculturais as que dinamizarán os grupos de participantes; correndo a cargo do Grupo SEPA as tarefas de coordinación, seguimento e avaliación.

O inicio das actividades producirase de forma escalonada. Grupos como os de Santa Marta e Vite xa comezaron os seus encontros; outros como os de Pontepedriña ou Cardeal Quiroga farano nestes días; mais tamén haberá algúns que ate o mes de marzo non empezarán os seus encontros.

Na liña das recomendacións expostas na COP25, celebrada en Madrid o pasado mes de decembro, os proxectos de educación ambiental, como "Descarboniza! Que non é pouco…", preséntanse como ferramentas indispensables para frear o quecemento global e acadar a adaptación dos colectivos máis vulnerábeis á crise climática. Iniciativas de educación que contemplen unha participación integral do conxunto da sociedade na busca de outras formas de vivir e de relacionarnos dentro dos límites biofísicos do planeta.

Compartir: