TURISMO

Compostela acolle ata o o 18 de febreiro o II Maratón Internacional de Creación de Curtametraxes "Kino Galicia"

11/02/2020 O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, asistiu hoxe no CGAC á presentación de Kino Galicia 2020, II Maratón Internacional de Creación de Curtametraxes. Ata o 18 de febreiro, o Centro Galego de Arte Contemporánea acollerá a segunda edición desta cita anual, que forma parte dun movemento presente en máis de oitenta cidades dos cinco continentes.

O obxectivo da maratón é crear unha rede de contactos persoal e profesional de carácter internacional. A filosofía subxacente baséase na axuda mutua, xa que non hai premios nin competición. A recompensa é realizar unha curta coa mellor calidade posible, resultado do traballo realizado polo propio equipo, que poderán presentar e promover onde queiran. Durante a súa intervención, Sindo Guinarte sinalou que Santiago de Compostela ofrece como plató toda unha cidade Patrimonio da Humanidade. "Confiamos –sinalou- en que no futuro utilicen a Film Commission para rodar aquí as súas longametraxes".

Kino Galicia benefíciase do programa da Xunta de Galicia O teu Xacobeo. Conta co apoio do CGAC e está financiado por Turismo de Santiago a través da Film Commission. Na presentación tamén estaba presente o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

Compartir: