ALCALDÍA

O director de Correos preséntalle ao alcalde o novo servizo de pago e cobro de recibos non domiciliados

21/01/2020 O alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, reuniuse hoxe co director de Correos de Santiago, Julián Anca, quen lle presentou o servizo de pago e cobro de recibos fóra do horario limitado polas entidades bancarias que se comezou a aplicar hai dous meses. O rexedor sinalou que lle parece unha proposta interesante, e que se vai estudar a sinatura dun convenio entre ambas institucións. "Estou seguro de que resolveremos positivamente porque ampliar os servizos é dar máis facilitades ao conxunto da cidadanía",engadiu.

Sánchez Bugallo explicou que "actualmente temos un concerto con diferentes entidades bancarias". Segundo os seus cálculos, agora mesmo en torno ao 90% dos tributos municipais están domiciliados en banco. O resto, algo máis do 10%, non están domiciliados e materialízase a través de entidades bancarias. Para o alcalde, "Correos ofrece máis facilidades e unhas posiblidades a maiores. Polo tanto non lle vexo inconveniente algún".

Segundo explicou Julián Anca, este servizo permitiría ás veciñas e veciños que non teñen domiciliados os pagos mediante conta bancaria abonar as súas facturas desde calquera oficina de correos. "A nosa estrutura está orientada á esa España vaciada, a dar servizos onde outras compañías deixan de prestalos, neste caso unha colaboración expresa para que calquera cidadán de Santiago, estea onde estea, en Canarias ou en Cádiz, poida pagar os seus impostos, taxas, tributos ou sancións e premios… En definitiva darlle unha solución, para que o pago ou cobro se poida realizar dunha forma cómoda, áxil e eficiente", sinalou. Tan só se precisa, insistiu, a sinatura dun convenio entre as empresas ou entidades interesadas e Correos.

Este servizo, polo que se pagaría unha taxa única de 1,95 euros, tamén beneficiaría, segundo Anca, ao ámbito rural, onde, subliña, chega o carteiro todos os días. "Van todos os días aos domicilios, onde poden recoller o recibo co seu código de barras, e ao día seguinte entréganllo ao cidadán, sen problema".

Málaga foi o primeiro concello onde se aplicou o servizo, hai dous meses. Agora, segundo Julián Anca "querémolo extender, xa que tivo boa acollida". Neste momento, explicou, Correos cobra máis de 11,5 millóns de recibos de diferentes compañías de subministros. "Vimos que á hora de abonalos había un problema, principalmente pola reducción de horarios" dos bancos. En Santiago, "nós temos oficinas que abren ata as dez da noite, no caso da do Corte Inglés; ou a da Rúa do Franco, que abre más de medio ano todos os días da semana ata as sete da tarde, os domingos, e o resto da semana ata as oito e media da tarde".

Compartir: