EDUCACIÓN

O alumnado das escolas infantís municipais de Conxo e Fontiñas estrea equipamento e novos dispositivos tecnolóxicos

21/01/2020 As escolas infantís municipais de Conxo e Fontiñas estrean mobiliario e novos dispositivos tecnolóxicos dos que se beneficiarán directamente 123 nenas e nenos de 0 a 3 anos.

A concelleira de Eduación, Noa Díaz, visitou hoxe un destes centros, o de Fontiñas. Alí destacou os 12.117,36 euros de axuda recibida para o investimento na mellora das infraestruturas e do equipamento dos dous centros. 5.265 euros destináronse ao reforzo das novas tecnoloxías, en concreto á adquisición de mesas interactivas e tablets; e á compra de antenas e mellora de conexión Wifi. Co resto, 6.882,36 euros, mercouse mobiliario interior e exterior e material didáctico e de xogo.

Noa Díaz precisou que as escolas infantís de Conxo e das Fontiñas levan máis de 10 anos en funcionamento e esta axuda ao Concello de Santiago resultou de gran interese para mellorar e actualizar os recursos cos que contan ambos centros. Tamén permitirá, engadiu "continuar co traballo de introducir ao alumnado no mundo das TICs, tan importante e necesario na sociedade actual".

Esta axuda, convocada pola Consellería de Política Social polo procedemento de concorrencia competitiva, está cofinanciada nun 80% (9.693,89 euros) polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. O resto apórtao a Xunta de Galicia.

Compartir: