MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ

A Policía Local de Santiago realizará controis das condicións dos vehículos durante a vindeira semana

17/01/2020 A Policía Local vaise sumar a unha nova campaña impulsada pola Dirección Xeral de Tráfico. Desta vez, realizaranse controis das condicións dos vehículos entre o 20 e o 26 de xaneiro.

Segundo a DXT, a antigüidade do vehículo supón un factor de risco, ao carecer este dos sistemas e equipamentos de seguridade implantados recentemente, ademais dos problemas derivados do seu uso. De feito, o risco de falecer ou resultar ferido grave nun accidente nun coche de 10 a 15 anos de antigüidade duplícase con respecto aos sinistros en vehículos de menos de cinco anos. A antigüidade media do parque de turismos medrou en 1,6 anos no período 2011-2018.

Por iso, un axeitado mantemento e posta a punto dos principais elementos de seguridade do vehículo, é dicir, pneumáticos, freos, luces e sinalización, é imprescindible para combater a sinistralidade.

Pneumáticos
O mantemento e correcta utilización dos pneumáticos resultan fundamentais para unha maior seguridade viaria. Aproximadamente, un 5% dos vehículos circula con defectos graves nas rodas, principalmente por levar unha profundidade do debuxo por debaixo do mínimo legal de 1,6 milímetros, por ter un desgaste irregular debido a unha mala suspensión ou unha aliñación incorrecta ou por circular cunha presión errónea. Se ben o límite legal de profundidade das ranuras do pneumático é de 1,6 mm, é recomendable que teña como mínimo 3 mm.

Alumeado
O alumeado tamén é un aspecto clave para unha circulación segura. Unha correcta utilización, mantemento e regulación dos faros permite non só dispor de luz suficiente, senón tamén non cegar a quen circula polas mesmas vías públicas.

As lámpadas van reducindo a súa intensidade co uso, polo que deben cambiarse cada 40.000 quilómetros ou aos dous anos. Débense cambiar de dúas en dúas e hai que manter sempre limpas as ópticas de faros e pilotos.

Matrículas e documentación
As placas de matrícula deben ser perfectamente lexibles e non estar deterioradas. Aínda que non supón perda de puntos, levar unha matrícula ilexible é unha infracción grave. Por outro lado, manipular a placa da matrícula pode supor unha multa de 6.000 euros e a perda de seis puntos.

En canto á documentación do vehículo, ademais do preceptivo permiso de conducir, débese levar obrigatoriamente o permiso de circulación do vehículo no que figuran os datos técnicos do mesmo e os datos do seu propietario (ou unha autorización da Xefatura de Tráfico na súa ausencia), así como a tarxeta da ITV e o adhesivo correspondente visible na lúa dianteira.

Controis de alcohol e drogas
Por outra parte, este sábado realizaranse novos controis de alcohol e drogas no marco da colaboración que nesta materia vén mantendo a Policía Local coa Agrupación de Tráfico da Garda Civil de Santiago de Compostela.

Compartir: