ACCIÓN CULTURAL

"Á escena!" programa 27 espectáculos de teatro, danza e circo para o primeiro semestre de 2020

15/01/2020 A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou esta mañá o programa Á escena! Temporada de artes escénicas 2020, que recolle 27 espectáculos de teatro, danza e circo para o primeiro semestre deste ano. Serán un total de 36 funcións que se desenvolverán no Auditorio de Galicia e no Teatro Principal dende o 16 de xaneiro ata o 4 de xuño.

O programa faise en colaboración coa Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC-Xunta de Galicia e cos programas Platea e Danza a Escena do INAEM-Ministerio de Cultura, ademais de co apoio da Deputación da Coruña e o Consorcio de Santiago. Por iso, na rolda participaron tamén, ademais da concelleira e do director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López; o director de AGADIC, Jacobo Sutil; e o deputado provincial da Coruña, Xosé Luís Penas.

Dentro dos espectáculos haberá tres estreas absolutas: O mel non caduca, de Ibuprofeno Teatro; Spotlight, de Can Cun Quinqué; e O mozo da última fila, de Redrum Teatro. Participaron na presentación tamén representantes das tres compañías así como representantes de O Montacargas, espectáculo de Ainé Producións & Acusmaser Opus, co que se estrea esta temporada mañá mesmo e o venres de novo, no Teatro Principal.

Xa á venda
As entradas para todos os espectáculos están xa á venda na web compostelacultura.gal, así como no despacho de billetes do Teatro Principal (que abre de martes a sábado + días de evento de 18:00 a 21:00 h, ou dende 1 hora e media antes de que comece o espectáculo) e no do Auditorio de Galicia (dende 1 hora e media antes de que comece a función). O prezo das entradas é de 10, 12 ou 14 € (cos descontos habituais do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, menores de 25 anos, estudantes e membros de familias monoparentais ou numerosas). Para os 5 espectáculos que se enmarcan dentro da programación infantil e familiar, o prezo será de 4 euros a entrada xeral, existindo un Bono familiar mediante o cal se adquiren 4 entradas a 12 euros.

Os espectáculos están clasificados nas seguintes liñas temáticas: EscenaGZ, Territorio das Mulleres e Clásicos?. Entre eles atopamos desde a diversa abordaxe que nos mostran de Shakespeare dende a comedia física do Hamlet de Chapitô, pasando pola aposta polo grande formato de PT Excéntricas co seu Medida x Medida, ata a proposta máis "clásica" do Macbeth. O ruído e a furia de Estudo Momento.

Outra das ligazóns mostra un interese polas temáticas que teñen a opresión da muller como protagonista, dende a violencia máis absoluta das propostas de Teatro do Atlántico con A conquista da escola de Madhubai e El Pavón Teatro Kamikaze con Jauría, ata a falta de liberdade e opresión silenciosa en contextos pechados, familiares, de cotío que nos propoñen Liberto, de Marelas Producións; Ana, también a nosotros nos llevará el olvido, de Unahoramenos, ou Mrs.Dalloway, de Entrecajas.

O Leira de Nova Galega de Danza dialoga co Erritu de Kukai Dantza, unha oportunidade de ouro para poder contrastar como as danzas tradicionais e populares dialogaron coa danza contemporánea en Galicia e no País Vasco. E a relación da música e o movemento está presente en Directo9, de Pisando Ovos, e Mercedes mais eu, de Janet Novás e Mercedes Peón, dúas reflexións sobre a música, os corpos e a creación dende a vangarda absoluta feita en Galicia.

Teremos a estrea absoluta de O mel non caduca, de Ibuprofeno Teatro; Spotlight, de Can Cun Quinqué; e O mozo da última fila, de Redrum Teatro; e a estrea en Galicia de Deje su mensaje después de la señal, de Tanttaka Teatroa. Poderemos ver O Montacargas, de Ainé Producións e Acusmaser Opus; O electo, de Contraproducións; ou o Falar por falar de Volta e Dálle. José Sacristán chegará a Compostela co seu Señora de rojo sobre fondo gris; Aitana Sánchez Gijón con Juana da man do Teatro Español e Losdedae; e Matarile Teatro presentará o seu Daimon y la jodida lógica.

Ademais, únense outros cinco espectáculos enmarcados tamén no programa En Familia e dirixidos a todos os públicos: o Concerto con fusión da Banda Municipal de Música con Píscore; , de Xampatito Pato; a Gran Gala do Circo de Compostela; Lar (la casa, el hogar), de Lasal Teatro; e Emportats, de La Trócola Circ.

#posfunción no Club C!
O Club C! é unha proposta de actividades para se achegar de xeito diverso aos contidos das actividades culturais compostelás. Comprende actividades que buscan coñecer mellor as propostas artísticas que nos ofrece a programación cultural municipal e deste xeito afondar na experiencia como espectadores culturais. Aquí atopamos ata 13 #posfunción nas que, unha vez cae o pano, membros da equipa técnica e artística debaten co público sobre o espectáculo e a súa temática.

Xurado Novo Á escena!
Este ano, o Departamento de Cultura de Compostela, xestionado dende o Auditorio de Galicia, pon en marcha por primeira vez o Xurado Novo Á escena!, experiencia que xa se celebrou dúas veces no festival Cineuropa. O obxectivo é achegar ao público máis novo ao teatro e fomentar o seu espírito crítico. Así, un grupo de mozos e mozas de ata 30 anos asistirán ás diversas funcións e participarán nas posfuncións para despois debater entre eles e elas e conformar un palmarés simbólico que se fará público ao final de temporada.

Direcciones relacionadas



Compartir: