CONSORCIO

A RFG ofrece "Romeo e Xulieta" con monicreques para escolares e familias

17/01/2020 A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos didácticos dirixidos a escolares, o xoves 16 e o venres 17, ás 11:00 horas no Auditorio de Galicia. E o sábado, ás 18:30 horas, repetirase a actuación para o público familiar. A batuta dos tres concertos levaraa o mestre Maximino Zumalave, director asociado da RFG. Os máis pequenos terán a oportunidade de desfrutar co Romeo e Xulieta de Shakespeare e música de Serguéi Prokófiev, xunto aos monicreques da compañía Per Poc.

O concerto do sábado visibilizará o traballo de Agadea, a Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia tipo Alzhéimer. Esta iniciativa enmárcase dentro do proxecto RFG Solidaria, co que se apoian diversas causas a través da música. Neste caso, as entradas custan 5 euros, cun bono familiar de 15 € (4 entradas polo prezo de 3). Esta promoción non será aplicable para as entradas vendidas por internet. Para obter este desconto deberá efectuarse a compra das entradas nos despachos de billetes do Teatro Principal ou do Auditorio de Galicia.

Unha proposta moi visual
"Cada historia ten o seu monicreque", din desde a compañía Per Poc e, por iso, traballaron oito anos para crear este espectáculo. Segundo eles mesmos sinalan, buscaban "uns bonecos capaces de loitar con forza, bailar con graza, amar con tanta dozura como paixón, angustiarse cando o destino xira en contra, ter e perder a esperanza, matar, morrer...". Así, chegaron a uns monicreques xigantescos (entre os 2 e os 4 metros de altura) e lixeiros, cuxas texturas e cores prevalecen sobre a expresión facial. Nalgúns momentos son seres dun soño e noutros dun pesadelo e, sobre todo, son moi dinámicos, capaces de marcar o ritmo e a tensión dos feitos que conducen ao tráxico final.

Trátase dunha proposta moi visual, onde orquestra, música, actores e monicreques interrelaciónanse. Dos 52 temas da partitura de Prokófiev, elixíronse 15 para este espectáculo, aqueles que mellor axudan a entender a historia. Ademais, elaborouse unha breve adaptación do texto para narrador que consigue explicar os acontecementos e as emocións que moven a cada un dos protagonistas, para o que se contará como narradora coa actriz galega Marta Lado Ínsua.

Compartir: