FESTAS

Os Reis Magos agasallaron ilusións nunha concorrida e artística Cabalgata

05/01/2020 "Agasallando ilusións" foi o lema dunha nova edición da Cabalgata de Reis, que encheu as rúas de Compostela de fantasía, personaxes de conto e moitas sorpresas. Preto de 500 persoas e 26 agrupacións artísticas participaron nun desfile dinámico e participativo que partiu como cada ano da estación de ferrocarril. Repartíronse 1.400 quilos de caramelos sen glute.

Este ano, as tres carrozas dos Reis Magos estiveron escoltadas polas do carteiro e heraldos reais, pola da Carboeira e pola do Quebranoces. E con eles e elas, unha chea de personaxes imprescindibles na Cabalgata, como as estrelas luminosas, as cartas danzantes, os renos voadores, as tradicionais danzas de reis ou os trasgos diminutos. Ademais, tamén danzaron polas rúas novas e curiosas personaxes coma cabalos cheos de luz, acróbatas, músicos, zancudos e ata unha fada dos doces.

Unha das novidades desta edición foi a presenza dos personaxes dun dos contos de Nadal máis tradicionais, O Quebranoces, creado por E. T. A. Hoffmann, logo adaptado por Alexandre Dumas e finalmente reinterpretado musicalmente por Petr Ilich Chaikovskii. Co Quebranoces estiveron as soldadiñas de chumbo, os ratiños e personaxes do mundo dos doces.

Espectáculos artísticos diversos
Da posta en escena desta Cabalgata encargáronse preto de 450 persoas, entre grupos profesionais, asociacións veciñais colaboradoras e persoas voluntarias. Participaron 26 agrupacións artísticas con espectáculos de diferentes temáticas, moitos deles deseñados e dirixidos para a ocasión. Entres estas agrupacións estiveron escolas de danza como Mandala e Can Cun Quinqué, a Agrupación Cantigas e Agarimos, a Banda de Tambores e Cornetas e as compañías Barafunda, Bambolea, Artistalia, Eventos Culture ou Pablo Méndez, entre outras.

A comitiva real saíu da estación de tren e, tras percorrer varias rúas de Compostela, chegaron á praza do Obradoiro, onde se celebrou un concerto final da man do recoñecido grupo musical para familias Mamá Cabra. Non faltaron, por suposto, as agardadas visitas que as nenas e os nenos composteláns puideron facer aos Reis Magos unha vez finalizada a Cabalgata no Pazo de Raxoi, co obxectivo de transmitirlle ás Súas Maxestades os seus desexos antes de que abandonaran a cidade.

Direcciones relacionadas



Compartir: