ALCALDÍA

Concello e Xunta colaborarán para converter Santiago nun polo de innovación, de captación de investimentos e de xeración de emprego de calidade

23/12/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, reuniuse este luns en San Caetano co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, co que abordou a colaboración entre Concello de Santiago e Xunta de Galicia no desenvolvemento da cidade como polo de innovación nos ámbitos biotecnolóxico e da madeira. Na xuntanza tamén se tratou a cooperación entre ambas institucións en materia de emprendemento e de formación.

Sánchez Bugallo cualificou de "moi cordial e positiva" a reunión e enmarcouna no obxectivo do seu mandato de "asegurar que as novas xeracións de composteláns poidan atopar un futuro na súa cidade". Neste sentido, afirmou, "temos determinado que o espazo de maior crecemento debe estar centrado na biotecnoloxía e na madeira e que ese é o elemento específico que nos diferencia e que podemos aportar ao resto de Galicia". O alcalde tamén considera que a artesanía de calidade é "outro sinal de identidade" da cidade en torno ao que "asegurar un futuro ás novas xeracións".

Por iso, na xuntanza abordáronse iniciativas en marcha como o hub tecnolóxico e o modo en que Concello e Xunta poden traballar conxuntamente nesta materia en colaboración coa USC, a Cámara de Comercio, os clúster biotecnolóxico e da madeira e o tecido empresarial. Así o referendou tamén o conselleiro de Economía, quen marcou o obxectivo de converter Santiago de Compostela non só na capital administrativa, senón tamén na "capital do talento, do coñecemento e da innovación", xerando un "polo de innovación biotecnolóxico e forestal", capaz de captar investimentos e de xerar emprego de calidade.

Francisco Conde tamén agradeceu ao alcalde ter convertido Santiago en "concello emprendedor", con medidas como as bonificacións fiscais ou facilitar o acceso a solo empresarial ou a tramitación administrativa. Finalmente, na reunión abordáronse os obradoiros de emprego nos que veñen colaborando Concello e Xunta nos últimos anos.

Compartir: