XUNTA DE GOBERNO

Adxudicado o servizo de comedor escolar

23/12/2019 A Xunta de Goberno Local, na súa sesión ordinaria deste luns, adxudicou o servizo de catering e de persoal monitor/coidador de comedor escolar para centros de Educación Infantil e Primaria dependentes do Concello de Santiago. A adxudicataria, a empresa Alimentación Saudable Gallega, SLU, comprométese a un prezo de 4,92 euros para o xantar e de 1,76 euros para o almorzo (ambas cantidades IVE excluído). Segundo apunto a concelleira de Educación, Noa Díaz, a previsión é que a nova empresa comece a prestar o servizo no mes de febreiro.

A empresa adxudicataria tamén se compromete á implantación dun sistema que garante o control individualizado de presenza diaria do alumnado usuario do comedor; ao emprego de envases de contido reciclado e a un plan de formación para os/as traballadores/as de 150 horas. Ademais, a cociña central non estará a máis de 25 quilómetros do centro educativo máis alonxado e nos menús empregarase un 70% de produto fresco, un 15% de produtos de produción ecolóxica e un 90% de produtos da contorna.

O gasto máximo previsto para este contrato ao inicio do expediente era de 1.044.850 euros. A Consellería de Educación colabora economicamente na xestión e organización deste servizo mediante unha achega de 81.613 euros para o ano 2020. A prestación inicial do servizo é dun ano, entre febreiro de 2020 e febreiro de 2021.

A Xunta de Goberno aprobou igualmente o prezo autorizado dos servizos de comedor e madrugadores para o ano 2020: 4,50 euros (IVE engadido) por xantar/comensal/día e 1,94 euros (IVE engadido) por almorzo/comensal/día.

Documentos relacionados



Compartir: