DEPORTES

O Campus Vero Boquete alcanza a súa IX edición

18/12/2019 Santiago de Compostela acollerá por noveno ano consecutivo o Campus Vero Boquete, que se celebrará os días 26, 27 e 28 de decembro en instalacións municipais. Está dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 4 e os 18 anos.

A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, presentou esta nova edición do Campus acompañado da súa protagonista, Vero Boquete, a quen agradeceu que "un ano máis faga un oco nas súas vacacións para compartir cos nenos e nenas este campamento". "Para este Concello é unha honra que o seu nome estea ligado a Santiago. Así llo recoñecemos dándolle o seu nome ao Estadio de San Lázaro e encántanos que este Campus leve xa nove anos reunindo tantos nenos e nenas e dando visibilidade ao fútbol feminino", apuntou .

Pola súa parte, Vero Boquete, quen agora xoga no Utah Royal (USA), destacou como a mellor noticia que o Campus alcance xa a súa novena edición, porque "moi poucos campus poden dicir que leven xa nove anos". Referiuse á "inxección de enerxía que supón para a nova temporada" compartir estes días cos nenos e nenas e, cara o futuro, marcouse como reto a internacionalización do Campus, dándolle un novo pulo ao seu aspecto "integrador e de diversidade".

O Campus contará con adestradores titulados e ofrece un equipamento completo, aloxamento con pensión completa e seguro de responsabilidade civil. O obxectivo é perfeccionar os fundamentos técnicos-tácticos do fútbol, tanto individuais como colectivos, nun marco de amizade e compañeirismo.

A actividade principal será complementada con outras modalidades deportivas, actividades ao aire libre, visitas de deportistas de alto nivel –anunciou a presenza de alguén que competirá nos Xogos Olímpicos de Tokio- e sorteo de camisetas, balóns e demais material deportivo firmado pola propia Vero Boquete. A guinda ao pastel será o torneo final de Campus e unha comida de convivencia que terá lugar o último día.

O Campus conta con tres modalidades: psicomotricidade y predeporte (4 e 5 anos), fútbol sala (6 e 7 anos) e fútbol (8 e 18 anos). Os/as interesados/as en acudir ao campus deben solicitar o formulario de inscrición a través da páxina web (www.veroboquete.com), do correo electrónico (campus@veroboquete.com) ou do teléfono (646 974 375). O prezo oscila entre os 95 (sen aloxamento) e os 250 euros (con aloxamento).

Direccións relacionadas



Compartir: