POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS

Todos os programas e recursos do Departamento de Lingua, a un clic

12/12/2019 O Departamento de Lingua conta cunha nova web, denominada Delingua. A través da dirección delingua.santiagodecompostela.gal agora pódese acceder a todos os programas, actividades e recursos postos a disposición polo Concello para promover e dinamizar o emprego da lingua galega.

A concelleira de Políticas Lingüísticas, Noa Díaz, presentou este mañá a nova web, que conta con catro apartados principais, entre o que destaca o de Programas, onde se inclúen agora todas as iniciativas organizadas ou participadas polo Departamento de Lingua, moitas das cales tamén teñen páxinas web propias. Aquí pode atoparse toda a información de programas como Galegoempresas, Coidar para mellorar, Sen cancelas, Premio Manuel Beiras, Fotolingua, Apego, Atopando Compostela, Enreguéifate, Youtubeir@s, Conto Viaxeiro ou Club de Debate.

Outro apartado é o de Actividades, que recolle todas as actividades –enmarcadas nos programas citados ou non- que o Departamento de Lingua pon en marcha periódica ou puntualmente. Obradoiros, contacontos, galas, xogos ou festas, entre outras propostas, teñen cabida nesta parte.

Delingua complétase cun espazo de Recursos (histórico de programas, diccionario, formación, normativa, terminoloxía, tradutores, outras webs...) e con outro de Novas, que recolle toda a actualidade xerada polo Departamento. Ademais, existe a posibilidade de subscribirse a un boletín e recibir así por e-mail todas as novidades do Departamento.

Xunto á concelleira Noa Díaz, participaron na rolda de prensa as técnicas municipais do Departamento de Lingua, Soco García Conde e Marta Besada.

Direcciones relacionadas



Compartir: