CONSORCIO

A RFG celebra dous concertos con "O Mesías", de Haendel, baixo a batuta do mestre Robert Howarth

09/12/2019 A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos dedicados a O Mesías, de Haendel, en colaboración coa Obra Social "La Caixa". Serán o xoves 12 e o venres 13 de decembro, ambos ás 20:30 horas, no Auditorio de Galicia; baixo a batuta do mestre Robert Howarth, que ademais tocará a clave.

Contarase coas voces internacionais da soprano Lisa Wilson, da contralto Catherine Hopper, do tenor Guy Cutting e do baixo Morgan Pearse; xunto ao recoñecido coro Barcelona Ars Nova -dirixido por Mireia Barrera- e outros coros da cidade. Será un concerto participativo, no que profesionais e afeccionados/as unirán as súas voces nesta experiencia musical. Así, participarán a Coral Polifónica La Salle, Coral Alfaia, Coro Asubío, Coro Cardeal Quiroga da Catedral de Santiago e o Coro Harmonia Stellae.

"O Mesías", unha obra monumental
O compositor alemán Georg Friedrich Haendel (1685-1759) escribiu O Mesías en Londres no ano 1741. Aínda que tradicionalmente se asocia co Nadal, este oratorio non se centra unicamente no nacemento de Xesús, senón en toda a súa vida. Destaca pola súa monumentalidade en canto a duración e proporcións sonoras. Trátase dun texto en tres actos, divididos en escenas, sobre fragmentos do Antigo e do Novo Testamento, onde os coros teñen un protagonismo particular.

Esta obra mestra é un referente ineludible da música de Haendel, do Barroco musical e da historia da música. O concerto concluirá co apocalíptico "Amen", momento no que o coro se manifesta en todo o seu esplendor.

Compartir: